Data:
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
Resolución do 29 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, parcialmente cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021–2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (códigos de procedemento SI436A, SI435A e SI427B).
BDNS (Identif.): 735452.
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar e promover o desenvolvemento de medidas e actuacións para a promoción da igualdade no ámbito local, a través dos seguintes programas:
a) Programa Plan Corresponsables no ámbito local (SI436A).
b) Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero, en diante, Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero (SI435A).
c) Programa de apoio aos centros de información á muller, en diante, Programa de apoio aos CIM (SI427B).
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, sempre que reúnan os demais requisitos e condicións establecidas nas bases reguladoras.
Importe
As contías máximas das axudas nos diferentes programas son as seguintes:
a) Programa Plan Corresponsables no ámbito local: a contía máxima da axuda será de 150.000,00 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 225.000,00 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
b) Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero: a contía máxima da axuda será de 15.000 euros, cando se trate dunha de solicitude individual, e de 28.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
c) Programa de apoio aos centros de información á muller (CIM): a contía total máxima de axuda é de 45.000,00 euros, no caso de que se trate dunha solicitude individual, e de 120.000,00 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante dunha fusión de concellos.
Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de dez millóns novecentos corenta e sete mil oitocentos noventa e nove euros con setenta e cinco céntimos (10.947.899,75 euros).
As axudas do programa 1.a) están financiadas con fondos finalistas do Estado do Plan Corresponsables; as axudas do programa 1.c) están financiadas con fondos propios libres da Comunidade Autónoma de Galicia e as axudas do programa 1.b) están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 no obxectivo político 4, Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2, Inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico ES04.8, Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos; medida 2.H.03, Programa de atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
Prazo de presentación
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 735452): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://igualdade.xunta.gal; nos teléfonos 981 54 16 18, 881 99 91 63, 881 99 55 34 e 881 99 55 33 (procedemento SI436A), 981 54 73 97 e 981 54 53 53 (procedemento SI435A), 981 54 53 56 e 981 54 53 57 (procedemento SI427B).
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
DOG Nº. 5 - Subvs. para a promoción da igualdade. | 2.83 MB |
DOG Nº. 5 - EXTRACTO - Subvs. para a promoción da igualdade. | 373.83 KB |