SUBVENCIÓNS PARA A PROMOCIÓN DA INFORMACIÓN XUVENIL E A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DIRIXIDAS Á XUVENTUDE NO ÁMBITO DA EDUCACIÓN NON FORMAL E DA PARTICIPACIÓN. PRAZO: 03-06-2016

Data: 

mércores, 4 Maio, 2016 (Todo o día) a venres, 3 Xuño, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social 

ORDE do 21 de abril de 2016 pola que se aproban as bases que rexen as subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a promoción da información xuvenil e para a realización de actividades dirixidas á xuventude no ámbito da educación non formal e da participación durante o ano 2016, e se procede á súa convocatoria. BDNS (Identif.): 304799.

Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas ás entidades locais de Galicia, para a promoción da información xuvenil e para a realización de actividades dirixidas á xuventude, no ámbito da educación non formal e da participación e proceder á súa convocatoria para o ano 2016 en réxime de concorrencia competitiva.

Entidades locais beneficiarias

1. Poderán solicitar estas axudas os concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade para estes efectos e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

Finalidade da subvención

1. Potenciar a información xuvenil a través dos servizos municipais de información xuvenil integrados na Rede Galega de Información Xuvenil.

2. Fomentar as actividades de educación non formal dirixidas á mocidade e a participación xuvenil no ámbito local, especialmente aquelas que promovan o emprendedurismo e faciliten a empregabilidade das mozas e mozos.

Período subvencionable e contía das axudas

1. O período subvencionable abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2016.

2. A contía máxima que se concederá será de 3.000 euros, para as entidades locais que presenten a súa solicitude de xeito individual.

No caso de entidades locais que presenten a súa solicitude conxuntamente con outra/s de calquera dos xeitos establecidos no artigo 2 desta convocatoria, a contía máxima da axuda será de 8.000 euros para o suposto de agrupación de 2 entidades locais e de 15.000 euros, se son 3 ou máis as entidades locais agrupadas.

Quedará por conta da entidade local a diferenza de financiamento necesario para a execución total do programa subvencionado.

3. As entidades locais deberán participar no financiamento cun mínimo do 25 % do orzamento total, tendo en conta o recollido no punto anterior.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Descargas: