SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE CREACIÓN, MELLORA E AMPLIACIÓN DE SERVIZOS BÁSICOS LOCAIS EN ALDEAS MODELO E ÁMBITOS TERRITORIAIS VINCULADOS AOS INSTRUMENTOS DE RECUPERACIÓN DA TERRA AGRARIA (FEADER - PDR DE GALICIA 2014-2020). PRAZO: 02-03-2023

Data: 

venres, 3 Febreiro, 2023 (Todo o día) a xoves, 2 Marzo, 2023 (Todo o día)

 

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural 

Resolución do 26 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2023 mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR711D). BDNS (Identif.): 673040.

Obxecto

Regular o procedemento de concesión das axudas que xestionará a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da medida 7.4 do PDR de Galicia 2014-2020, para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria

Para estes efectos, o día da publicación no DOG da correspondente convocatoria estará dispoñible no enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda) a relación de aldeas modelo declaradas en virtude dos correspondentes acordos do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Así mesmo, publicarase a través do mesmo medio a relación de polígonos agroforestais respecto dos que se publicase no Diario Oficial de Galicia o correspondente acordo de iniciación do procedemento para a súa aprobación, nos termos previstos no artigo 83 da citada Lei 11/2021.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das axudas xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

1. Que conten no su ámbito territorial cos seguintes instrumentos voluntarios de recuperación e/ou mobilización de terras nos seguintes termos:

– Que se declarase no seu territorio unha aldea modelo ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

– Que se iniciase no seu territorio o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dun polígono agroforestal, nos termos previstos no artigo 83 deste texto legal.

2. Ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estea obrigado, antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude de axuda.

3. Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia.

4. Ter a titularidade ou, de ser o caso, a dispoñibilidade, durante un período mínimo de cinco anos, dos bens sobre os cales se vai actuar.

Contía

A dotación máxima para financiar estas axudas ascende a de 2.097.000 €, que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 14-A1-712A-760.0 (código de proxecto 2019-00003) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2023.

Os proxectos subvencionados recibirán unha porcentaxe de subvención do 80 % dos custos subvencionables, ata un máximo de 150.000 €.

Actuacións subvencionables

Serán subvencionables as actuacións destinadas á:

a) Instalación, ampliación ou mellora das redes de iluminación pública.

b) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos (prazas, paseos, rúas, parques públicos, parques infantís, etc.).

c) Pavimentación de vías públicas municipais.

d) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

e) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

f) Rehabilitación de elementos patrimoniais, tales como fontes, lavadoiros, hórreos, muíños.

g) Implantación e mellora de servizos asistenciais (atención á infancia, centros de día, residencias para maiores, dependentes ou discapacitados, centros formativos e de inserción/reinserción laboral/social, etc.).

h) Implantación e mellora de servizos culturais (bibliotecas, casas de cultura, centros de interpretación, museos, etc.).

i) Centros de servizos, así como pequenas infraestruturas e/ou equipamentos a pequena escala que fomenten a cooperación, servizos e implantación ou mellora das empresas no medio rural.

j) Creación, mellora e desenvolvemento de infraestruturas para mellorar as comunicacións naquelas contornas en que non sexan posibles as comunicacións de voz en mobilidade.

k) Pequenas infraestruturas de abastecemento de auga, saneamento e depuración de augas residuais e xestión de augas pluviais.

l) Pequenas infraestruturas e enerxías renovables e relacionadas coa eficiencia enerxética.

m) Dixitalización de núcleos rurais.

n) Implantación de e-servizos mediante TIC específicas para a provisión de servizos no medio rural. Desenvolvemento de modelos de prestación de servizos por medios electrónicos e facendo uso das novas tecnoloxías para conseguir a personalización e proactividade do servizo ou a xestión intelixente de redes de distribución.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 673040):  http://www.pap.minhap.gob. es/bdnstrans/index

-Na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: https://agader.xunta.gal

-Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

-No teléfono 981 54 73 69 (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural).

-De xeito presencial, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 69.

 

Descargas: