Data:
Axencia Instituto Enerxético de Galicia
Resolución do 7 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2024, susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN421S).
BDNS (Identif.): 748906.
Obxecto
Apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos en réxime de autoconsumo (código de procedemento IN421S).
Persoas beneficiarias
1. Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias das presentes subvencións:
a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.
b) As entidades sen ánimo de lucro.
c) Empresas legalmente constituídas e autónomos; incluídas as empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía.
2. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.
3. Os requisitos para obter a condición de persoas beneficiarias deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
4. As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Financiamento
1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega coa repartición bianual por beneficiario recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 5.524.800 €.
O crédito máximo segundo a tipoloxía de solicitante será a seguinte:
Beneficiarios axudas | Anualidade 2024 (€) | Anualidade 2025 (€) | Importe asignado (€) |
Empresas | 1.800.000 | 2.500.000 | 4.300.000 |
Administración local | 160.000 | 840.000 | 1.000.000 |
Entidades sen ánimo de lucro | 40.000 | 184.800 | 224.800 |
Total | 2.000.000 | 3.524.800 | 5.524.800 |
O orzamento por partida redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.760.8, 09.A3.733A.770.7 e 09.A3.733A.781.7.
Contía da axuda
1. A intensidade máxima da axuda, segundo o tipo de beneficiario, será a seguinte:
Beneficiarias | Porcentaxe máxima de axuda |
Entidades locais | 60 % |
Entidades xurídicas sen ánimo de lucro (que non realicen actividade económica) | 60 % |
Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais e no caso de medianas empresas en 10 puntos porcentuais | 20 % |
2. A contía máxima da axuda por proxecto será de 50.000 €.
3. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.
Proxectos que se subvencionan e investimentos subvencionables
1. Serán subvencionables todas aquelas actuacións descritas no número 2 deste artigo que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma. O prazo de execución dos proxectos subvencionables (débese ter en conta a definición de inicio dos traballos recollida no artigo 2.1) iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 28.
2. Actuacións subvencionables:
a) Os paneis solares fotovoltaicos.
b) O acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cablaxe, equipamentos de medidas e outros equivalentes), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota e outros equivalentes) e sistema de acumulación con baterías que non sexan de plomo ácido.
c) O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.
d) O custo de montaxe e conexionado.
Prazo para a execución da instalación
O prazo de execución iniciarase unha vez presentada a solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de outubro de 2024, para solicitudes con proxectos que se van realizar ata esta data, e o 30 de setembro de 2025, para solicitudes con proxectos que se van realizar ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de pagamento. As accións realizadas entre o 16 de outubro de 2024 e o 31 de decembro de 2024 poderán ser imputadas ao 2025.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas.
Se o remate do prazo coincide en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 748906): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Axencia Instituto Enerxético de Galicia: www.inega.gal