SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE ENERXÍAS RENOVABLES TÉRMICAS PARA O ANO 2021. PRAZO: 25-06-2021

Data: 

mércores, 26 Maio, 2021 (Todo o día) a venres, 25 Xuño, 2021 (Todo o día)

 

Axencia Instituto Enerxético de Galicia 

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxías renovables térmicas, para o ano 2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN421G). BDNS (Identif.): 565162.

Obxecto

1. O obxecto destas bases é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a xeotermia, a aerotermia e a solar térmica (código de procedemento IN421G).

2. O procedemento administrativo para a concesión destas subvencións será o de concorrencia competitiva e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de beneficiarias das presentes subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades delas dependentes.

b) As entidades sen ánimo de lucro.

c) Empresas legalmente constituídas e autónomos.

2. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

3. Os requisitos para obter a condición de beneficiarias deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Condicións dos proxectos

1. Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 6.1 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 27 destas bases (15 de xullo de 2022).

2. Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Entendese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipamentos ou outros compromisos que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior.

Investimentos subvencionables

Son subvencionables:

a) O equipamento principal de xeración enerxética (paneis solares, bomba de calor, caldeira...). No caso da biomasa, o custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).

b) O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

d) O custo do sistema de alimentación do combustible.

e) O custo de montaxe e conexionado.

f) No caso da enerxía xeotérmica, o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondeos, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, outros.

g) No caso de redes de distribución de calor con biomasa, o custo da rede de distribución de enerxía térmica (ata a sala de caldeira existente se se conecta a ela ou, no caso contrario, ao punto de entrada ao edificio) e, se for o caso, o custo dos sistemas para a conexión coas salas de caldeiras existentes. A obra civil necesaria da sala de caldeiras.

Contía da axuda

1. A intensidade máxima da axuda, segundo o tipo de beneficiario, será a seguinte:

Beneficiarias Porcentaxe máxima de axuda
Entidades locais 80 %
Entidades xurídicas sen ánimo de lucro (que non realicen actividade económica) 80 %
Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas, a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais e no caso de medianas empresas en 10 puntos porcentuais 50 %

 

2. A contía máxima da axuda por proxecto de biomasa será de 250.000 €. En proxectos de aerotermia e xeotermia, a axuda máxima será de 100.000 € e en solar térmica 15.000 €.

3. A contía máxima por beneficiario será de 500.000 €.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no DOG. Se a finalización do prazo coincide en día inhábil prorrogarase ata o seguinte día hábil.

Descargas: