SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE REDES DE DISTRIBUCIÓN DE ENERXÍA TÉRMICA CON EQUIPAMENTOS DE XERACIÓN CON BIOMASA, PARA OS ANOS 2017-2018. PRAZO: 18-05-2017

Data: 

mércores, 19 Abril, 2017 (Todo o día) a xoves, 18 Maio, 2017 (Todo o día)

 

Instituto Enerxético de Galicia 

Resolución do 30 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de redes de distribución de enerxía térmica con equipamentos de xeración con biomasa, para os anos 2017-2018, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020. BDNS (Identif.): 342108.

Obxecto

O obxecto destas bases é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións de equipamentos térmicos que utilicen biomasa como combustible cun esquema de funcionamento baseado nunha xeración térmica centralizada e unha distribución desta enerxía aos puntos de consumo mediante redes.

Beneficiarios

a) As entidades locais de Galicia e entidades delas dependentes.

b) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais dela dependentes.

c) Empresas legalmente constituídas.

Poderá existir unha diferenciación entre o titular da instalación solicitada e a titularidade dos centros consumidores de enerxía. Nestes casos, se o solicitante forma parte do sector público, deberá xustificarse o desenvolvemento do proxecto con convenios ou acordos asinados cos titulares dos centros consumidores de enerxía que acaden o 50 % do consumo enerxético previsto na súa solicitude. Por outra banda, o solicitante tamén poderá ser unha empresa de servizos enerxéticos que subministre enerxía térmica a distintos consumidores (sector público, empresas, residencial, entidades sen ánimo de lucro…).

Contía

1. A contía global da convocatoria ascende a 4.500.000,00 euros. O financiamento da convocatoria correspóndese con fondos comunitarios derivados do programa Galicia 2014-2020 Feder nun 80 % e financiamento privado nun 20 %.

2. A contía da subvención será dun 80 % do custo elixible no caso de que os beneficiarios sexan:

a) Entidades locais.

b) Sector público autonómico.

A contía da subvención será dun 50 % do custo elixible no caso de que os beneficiarios sexan empresas e as súas agrupacións e asociacións. No caso de pequenas empresas, a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais, e no caso de medianas empresas, en 10 puntos porcentuais.

3. A contía máxima da axuda por proxecto ou por solicitante será de 1.000.000 de €.

Actuacións que se subvencionan

Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 5 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 24 destas bases.

Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no art. 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Gastos que se subvencionan (Artigo 5)

1. Serán subvencionables:

a) O custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes e extracción de cinzas).

b) Resto dos accesorios da instalación de xeración para o correcto funcionamento do sistema.

c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

d) O custo do sistema de alimentación do combustible.

e) O custo da rede de distribución de enerxía térmica (ata a sala de caldeira existente se se conecta a ela ou, no caso contrario, ao punto de entrada ao edificio) e, se for o caso, o custo dos sistemas para a conexión coas salas de caldeiras existentes.

f) Obra civil necesaria para a instalación das caldeiras.

g) O custo de montaxe e conexión.

h) O custo do proxecto de execución.

2. Non son subvencionables:

a) O IVE (imposto sobre o valor engadido) excepto cando non sexa recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1, da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.

En todo caso aquelas persoas xurídicas que gocen da exención de IVE, ou dun réxime de pro rata, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria ou documentación acreditativa da pro rata do último exercicio.

b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

c) Os gastos anteriores á presentación da solicitude. Por exixencia do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da presentación da solicitude de axuda, de forma que se algún dos gastos para os cales se solicita axuda foi iniciado con anterioridade, o proxecto na súa totalidade non se considerará subvencionable.

d) As obras de mantemento.

e) As conducións de distribución interior do calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

f) Os gastos de legalización.

g) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.

i) Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes , contado desde o seguinte a aquel en que publiquen as presentes bases no DOG.

Descargas: 

galer_a_fotos