Subvencións para a rehabilitación de vivendas destinadas a vivenda habitual de persoas traballadoras con contrato de traballo con empresas que dispoñan de centros de traballo na C.A. de Galicia. Prazo: 15-07-2026

Data: 

sábado, 16 Maio, 2026 (Todo o día) a mércores, 15 Xullo, 2026 (Todo o día)

 

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Orde do 5 de maio de 2026, conxunta da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, pola que se establecen as bases reguladoras destinadas á concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a rehabilitación de vivendas destinadas a vivenda habitual de persoas traballadoras con contrato de traballo con empresas que dispoñan de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026 e 2027 (códigos de procedemento TR358E e TR358F).

BDNS (Identif.): 904791.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións a persoas físicas e xurídicas e concellos para a rehabilitación de vivendas destinadas a vivenda habitual de persoas traballadoras que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con empresas que dispoñan de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de alugamento ou cesión de uso, así como proceder á súa convocatoria para as anualidades 2026 e 2027.

As axudas estarán destinadas á rehabilitación de vivendas das que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos, a:

a) empresas que dispoñan de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que destinen esa vivenda a vivenda habitual de persoas traballadoras coas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo.

b) persoas físicas ou xurídicas que teñan subscrito con algunha das empresas referidas na letra a) o oportuno instrumento xurídico onde acorden destinar a vivenda a rehabilitar a vivenda habitual de persoas traballadoras que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con esa empresa.

As axudas previstas nas letras a) e b) tramitaranse co código de procedemento TR358E.

c) concellos que teñan subscrito con algunha das empresas referidas na letra a) o oportuno instrumento xurídico onde acorden destinar a vivenda a rehabilitar a vivenda habitual de persoas traballadoras que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con esa empresa.

As axudas previstas na letra c) tramitaranse co código de procedemento TR358F.

Para cada solicitude indicarase o código de procedemento que corresponda, non se poderá presentar unha mesma solicitude de subvención para as dúas liñas de axuda.

Persoas beneficiarias

1. Poderán solicitar as subvencións previstas para a liña con código de procedemento TR358E:

a) As empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de vivendas, das cales sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos, e que vaian ser destinadas a vivenda habitual de persoas traballadoras coas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo.

b) Persoas físicas ou xurídicas que dispoñan de vivendas, das cales sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos e que teñan subscrito con algunha das empresas referidas na letra a) o oportuno instrumento xurídico onde acorden destinar a vivenda a rehabilitar a vivenda habitual de persoas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con esa empresa.

2. Poderán solicitar as subvencións previstas para a liña con código de procedemento TR358F os concellos que dispoñan de vivendas, das cales sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos e que teñan subscrito con algunha das empresas referidas na letra a) do punto 1 deste artigo o oportuno instrumento xurídico onde acorden destinar a vivenda a rehabilitar a vivenda habitual de persoas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con esa empresa.

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Para poder ser beneficiario destas axudas os concellos deberán cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

5. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza pública ou privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. A axuda total de minimis a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 euros durante os tres anos previos. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Actuación subvencionable

1. Considérase actuación subvencionable a rehabilitación das vivendas situadas en concellos con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística ata a data da publicación desta convocatoria.

2. Consideraranse actuacións subvencionables ao abeiro desta as obras de rehabilitación, terminación e/ou ampliación de vivendas, entendéndose incluídas as de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética das vivendas.

Para os efectos de determinar o custo total das obras poderán incluírse as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan; os informes técnicos e certificados necesarios; os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.

3. A actuación subvencionable incluirá, así mesmo, e se así o solicita a persoa beneficiaria, a contratación dun seguro de impago do alugamento ou cesión de uso sobre a vivenda obxecto da actuación.

4. A actuación de rehabilitación das vivendas axustarase á normativa técnica e urbanística en vigor e debe cumprir a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

5. O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder os dezaoito meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación das actuacións.

6. Non serán subvencionables as actuacións iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2026.

Importe

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total dun millón cincocentos mil euros (1.500.000 €), que serán imputados nas aplicacións orzamentarias 14.02.322C.760.0, 14.02.322C.770.0 e 14.02.322C.780.0 dos orzamentos da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais e distribuídos nas seguintes anualidades:

– 600.000 euros para a anualidade 2026.

– 900.000 euros para a anualidade 2027.

• Para a liña de axudas a persoas xurídicas e persoas físicas (código de procedemento TR358E) destinaranse 750.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

– 300.000 euros para a anualidade 2026.

– 450.000 euros para a anualidade 2027.

• Para a liña de axudas a concellos (código de procedemento TR358F) destinaranse 750.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

– 300.000 euros para a anualidade 2026.

– 450.000 euros para a anualidade 2027.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

O prazo de dous meses para a presentación de solicitudes é común para os dous procedementos.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións:

-Na Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración).