Unha ordenanza-tipo vai regular a extracción de madeira a través de camiños municipais

Data: 

martes, 19 Xullo, 2016 - 12:30

A Federación Galega de Municipios e Provincias acordou coa Consellería do Medio Rural e a Confederación de Empresarios de Madeira de Galicia (Confemadera) a creación dunha ordenanza-tipo que regule as actividades de corte e saca de madeira a través das pistas e camiños de propiedade municipal. O obxectivo é dotar dunha maior seguridade xurídica a todos os axentes implicados: os veciños e veciñas propietarios do recurso, os empresarios produtores e transformadores e os propios concellos nos que se realice a extracción.

Na reunión mantida esta mañá entre o presidente da Fegamp, Alfredo García; a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto e o presidente de Confemadera, Elier Ojea; determinouse a posta en marcha dunha Comisión Técnica que impulse os contactos co sector e elabore a normativa, que agora varía dependendo do concello que a aplique.  Ademais dos presentes, o grupo de traballo contará coas achegas doutras entidades vinculadas aos aproveitamentos forestais.

Segundo declarou Alfredo García: “Convocaremos a Comisión xa o mércores próximo, para que confeccione unha ordenanza sinxela e de consenso, que dea tranquilidade a todos os implicados. A nosa intención é que estea finalizada a finais deste mesmo ano”.  A importancia de harmonizar o marco xurídico tamén foi destacada polo representante dos madeireiros e a titular do Medio Rural. Unha vez estea aprobada, serán os propios municipios interesados os que decidan a súa aplicación.