USO DE INSTALACIÓNS XUVENÍS DEPENDENTES DA CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR EN RÉXIME DE OFERTA CONCERTADA DURANTE A CAMPAÑA DE VERÁN 2015. PRAZO: 08-04-2015

Data: 

mércores, 25 Marzo, 2015 (Todo o día) a mércores, 8 Abril, 2015 (Todo o día)

 

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 13 de marzo de 2015 pola que se regula o uso de instalacións xuvenís dependentes desta consellería en réxime de oferta concertada durante a Campaña de verán 2015.

Obxecto

A Consellería de Traballo e Benestar convoca a presente oferta de uso das súas instalacións xuvenís para a Campaña de verán do ano que corre –que comprende do 15 de xuño ao 30 de setembro–, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I.

Entidades e grupos destinatarios

Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:

1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.

2. Os consellos locais e municipais de xuventude.

3. Corporacións locais.

4. Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa xuventude.

5. Grupos de mozos e mozas non asociados/as que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e, como tal, será responsable do cumprimento das obrigas que, como beneficiario, lle corresponden. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Servizos ofertados e duración das quendas

O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer:

a) Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.

b) Do material (excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación) que, no caso dos campamentos, inclúe tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.

c) Xerencia e persoal de servizo.

A duración das quendas e as instalacións ofertadas serán as recollidas no anexo I desta orde.

O primeiro servizo de alimentación será a comida do día da incorporación e o último o almorzo do día seguinte ao último día de estadía concedido.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 56648.39 KB