Varela recada inquedanzas e aportacións dos concellos ante a reconstrución

Data: 

martes, 25 Maio, 2021 (Todo o día)

A Fegamp recada a visión dos alcaldes e alcaldesas cara a procurar a mellor planificación e reparto de fondos posible para o municipalismo galego.

Neste marco o presidente da Federación, Alberto Varela, recolleu pola parte do alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, a preocupación respecto ás axudas á mobilidade urbana para concellos de entre 20.000-50.000 habitantes.

Segundo as informacións dispoñibles –a publicación das bases está prevista para finais de xuño-, os municipios desa franxa poboacional (16 en Galicia) só poderían solicitar dúas das catro liñas contempladas en devandito plan.

Ademais, deberán contar con máis de 36.000 unidades catastrais e con servizos de transporte público, requisitos estes de difícil cumprimento.

O presidente da Fegamp coincide en que “sería unha mágoa non entrar na convocatoria porque os concellos medianos tamén queren aportar en materia de mobilidade e de redución de carbono, como xa están a demostrar moitos deles coa creación de carrís bicis, peticións de intermodais, apostas polo transporte público, etc”

Alberto Varela, que hai dúas semanas trasladou persoalmente no Ministerio de Política Territorial a necesidade de que os concellos xestionen directamente parte dos fondos europeos e de que no reparto se teñan en conta criterios como a dispersión e envellecemento poboacional, ten previstas máis reunións ás que levará novas baterías de requirimentos e suxestións froito de reunións como a de hoxe, co obxectivo de se contemplaren as distintas realidades da administración local galega na labor de reconstrución.