“A Voz das Mulleres non se Apaga” e “ Se din que cales, non cales!” na conmemoración da FEGAMP do 25N

Data: 

martes, 25 Novembro, 2025 (Todo o día)

Vídeo 25N Se din que cales, non cales. A Voz das Mulleres non se apaga

O presidente da FEGAMP e a alcaldesa de Santiago de Compostela interviñeron no acto público organizado pola FEGAMP en conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contras as Mulleres, na que tamén actúo Leni Pérez presentou a xota alusiva “Se din que cales, non cales!”.

Previamente, a alcadesa asinou no Libro de Honra na súa primeira visita á sede da FEGAMP.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) ven de celebrar o acto público para presentar a súa declaración institucional para conmemorar o 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

O acto foi organizado en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, contando coa intervención da súa alcaldesa, Goretti Sanmartín, que previamente ao inicio do acto foi recibida polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e sendo a súa primeira visita á sede municipalista a alcaldesa asinou no Libro de Honra da FEGAMP.

No acto tamén se presentou a imaxe da FEGAMP para conmemorar este 25N baixo o titulo “A voz das Mulleres non se apaga”, e, na súa intervención, o presidente da FEGAMP leu a declaración e destacou que “O 25N é un día de lembranza de todas as vítimas, de reivindicación, de denuncia e condena dunha realidade de dor e impotencia que debe manter unida á sociedade” ao tempo que denunciou que “hai elementos que combater que se mantiñan agochados e que hoxe tratan de amedrentar e marcar posición social en medio de mentiras e bulos”.

Alberto Varela anunciou que “dende o municipalismo galego representado pola FEGAMP queremos poñer o foco contra estas mentiras, e nesta ocasión, facémolo a través dunha das figuras máis respectadas e admiradas da cultura galega: as cantareiras, que levan décadas levantando a voz para defender dereitos e denunciar inxustizas”.

De seguido, Varela, presentou a actuación de Leni Pérez como “cantareira viguesa, mestra de mestras e voz dunha xeración que recuperou a tradición das mulleres galegas e adaptouna ás realidades actuais”, agradecendo a súa colaboración no acto, para o que compuxo a Xota “Se din que cales, non cales”.

O presidente da FEGAMP rematou a súa intervención salientando que “os concellos e as deputacións imos seguir a traballar contra o sexismo e o machismo, rexeitando abertamente a discriminación e sensibilizando especialmente aos homes e os mozos para que rachen coa cultura de tolerancia que perpetúa esta desigualdade” e deu paso á actuación de Leni Pérez sinalando que “hoxe, ergue a voz polas mulleres e contra  quen pretende calalas con mentiras e infamias: non calarán ás mulleres porque a súa voz, representada hoxe polas cantareiras, é unha voz que non se apagará nunca”.

Na súa actuación, a cantareira Leni Pérez, interpretou varias pezas, destacando a xota  “Se din que cales, non cales”, que comeza coa seguinte estrofa:

“Romperémolo silencio

Romperémolo silencio

Sairemos xuntas á rúa

Mentras haxa un só abuso

A loita non será muda

A loita non será muda

Se din que cales, non cales!...”

ACTO PÚBLICO FEGAMP POLO 25N