XORNADA "A VESPA VELUTINA EN GALICIA: ESTADO DA CUESTIÓN E AVANCES CIENTÍFICOS"

Data: 

mércores, 3 Abril, 2019 (Todo o día)
Cartel da xornada - vespa velutina en Galicia

Esta xornada  A Vespa velutina en Galicia: estado da cuestión e avances científicos, organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia terá lugar o vindeiro mércores, 3 de abril de 2019,  no Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela.  Esta xornada pretende ser un espazo de encontro entre o ámbito da investigación científica, os apicultores e os axentes involucrados na loita contra a especie invasora, para intercambiar información e para tentar responder de forma autorizada e matizada as preguntas do mundo real en relación coa ameaza da Vespa velutina.

En Galicia vívese con preocupación a propagación da Vespa velutina, coñecida como “Vespa asiática”, pois este insecto invasor está a causar estragos na apicultura, ameaza o equilibrio do ecosistema e afecta á saúde das persoas. Desde a súa chegada ás nosas vidas, a Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia (ACVG) foi sensible ás necesidades da sociedade fronte a esta avéspora invasora, pois os veterinarios son responsables da saúde e benestar das abellas e a Vespa velutina é unha cazadora masiva delas. O Consello da Cultura Galega tampouco permaneceu alleo ao problema, tanto pola obriga de protección do patrimonio natural e a necesidade de garantir o dereito de todos a recibir os beneficios do progreso das ciencias e das súas aplicacións, coma polo feito de entender que a acción cultural debe atinxir as múltiples facetas da vida humana e das sociedades, tal e como indica a lei de creación desta institución. 

Os expertos e expertas salientan a necesidade de afrontarmos de xeito efectivo as dimensións e os conflitos sociais inherentes á investigación e xestión da invasiva Vespa velutina, esa preocupante descoñecida. O Consello da Cultura Galega, a través da súa Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade vén realizando un importante labor de divulgación científica coa publicación de libros, a elaboración de recursos e a organización de encontros que contribúen a poñer de manifesto o diálogo entre as dúas culturas, como as acuñou C. P. Snow. E nesa liña se inscribe esta xornada: a ciencia que non se divulga á sociedade é coma se non existise. A Vespa velutina en Galicia: estado da cuestión e avances científicos, organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, pretende ser un espazo de encontro entre o ámbito da investigación científica, os apicultores e os axentes involucrados na loita contra a especie invasora, para intercambiar información e para tentar responder de forma autorizada e matizada as preguntas do mundo real en relación coa ameaza da Vespa velutina. Para iso contaremos coa presenza de Luis Rodríguez Lado, doutor en Bioloxía e xerente de GEOFORSK; Xesús Feás, Académico Correspondente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia (ACVG), Xesús Asorey Martinez da Asociación Galega de Apicultura, AGA; Mª Esther Ordóñez Dios da Agrupación Apícola de Galicia e representantes da Asociación Apícola Abellas Nais e da administración autonómica.

Neste enlace pode facer a súa inscrición

MÁIS INFORMACIÓN :  

www.consellodacultura.gal

difusion@consellodacultura.gal

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon Programa da xornada309.88 KB