A Xunta de Galicia apoia a retornadas e retornados que, como Datzaimy Suárez, apostaron por volver para formarse e poñer en marcha un negocio en Lugo

Data: 

xoves, 16 Novembro, 2023 (Todo o día)
Lugo, 16 de novembro de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, coñeceron hoxe o proxecto empresarial dunha veciña deste concello retornada de Venezuela que puxo en marcha unha pastelería creativa na capital da muralla tras volver a Galicia grazas a unha Bolsa de Excelencia Mocidade Exterior - BEME.   

Datzaimy Suárez Marcano retornou a Galicia para facer un máster na Universidade de Lugo, contando ademais con apoio das axudas extraordinarias ao retorno; posteriormente puxo en marcha o seu negocio, Lugo Sweet, unha pastelería creativa para a que solicitou unha axuda ao retorno emprendedor.

Deste xeito, tal e como explicou o secretario xeral, esta galega do exterior contou cunha axuda de 7.000 euros da Secretaría Xeral da Emigración a través do programa de Axudas ao Retornado Emprendedor. “É unha honra que retornados coa súa experiencia e capacidade aposten por Galicia como o lugar onde vivir e onde emprender, en especial na cidade de Lugo, onde ademais de estudar e emprender, tamén puxo en marcha a súa propia familia”, xa que Datzaimy conta xa cunha filla e outra que vén en camiño. 

Para poder iniciar a súa vida en Galicia contou, a maiores, cunha axuda extraordinaria ao retorno, que facilita a integración na sociedade aos galegos e galegas do exterior. Esta axuda contou neste ano cun orzamento de 1,7 millóns de euros.  O importe da axuda establécese en función dos puntos obtidos ata chegar a un límite de 6000 euros, xa que se incrementa a axuda se a familia reside nun concello rural, e en función do número de fillos. Os principais países de procedencia das persoas beneficiarias son, segundo os datos dos últimos 5 anos, Venezuela, a Arxentina, o Brasil, Cuba, Uruguai, México, o Reino Unido, os Estados Unidos e Chile.

As axudas para o Retorno Emprendedor parten dos 6.000 euros  (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 3.000 se se pon en marcha nun concello rural), podendo chegar así ata un total de 10.000 euros.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma das e dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia. 

Trátase dunha das máis de 100 medidas activas da nova Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia. A Xunta de Galicia conta cunha Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno en cada provincia, así como en Santiago de Compostela, onde as e os interesados en regresar á comunidade autónoma poden facer as súas consultas incluso antes de iniciar a viaxe de retorno.

Escoitar