A Xunta de Galicia aumentará o Fondo de Cooperación Local en 3 millóns de euros no ano 2016

Data: 

xoves, 15 Outubro, 2015 (Todo o día)

O vicepresidente e os conselleiros de Facenda e Política Social da Xunta, Alfonso Rueda, Valeriano Martínez e José Manuel Rey Varela, comunicaron este serán aos tres vicepresidentes da Fegamp, Alfredo García, Francisco García e Alfonso Villares, na reunión da Subcomisión de Réxime Económico e Financeiro, derivada do Pacto Local, celebrada na Consellería de Facenda do Goberno galego, en San Caetano, que en 2016 a Xunta aumentará en 3 millóns de euros o Fondo de Cooperación Local (a participación dos municipios nos ingresos da Xunta), ata acadar os 116,1 millóns. Ademais, creará un fondo específico destinado a fomentar a unión de esforzos e as fusións de concellos, que estará dotado con 2 millóns de euros (xa incluídos no total de 116,1). En caso de que ningún municipio afrontase ese proceso no ano 2016 (agás Oza-Cesuras, que xa estaría incluído nese novo fondo, por ter acometido con anterioridade a fusión), esa partida de 2 millóns se repartiría entre os 314 municipios galegos. A Xunta concretará no debate de Orzamentos as contías que destinará o ano que ven ás subvencións finalistas, que previsiblemente incrementará tamén, debido ao aumento xeral de 400 millóns de euros das grandes contas da comunidade.