A Xunta empeora o convenio das UMAD e sigue sen cumprir os compromisos de cobertura de xubilacións e de asunción do persoal sanitario

Data: 

xoves, 4 Abril, 2024 (Todo o día)

A FEGAMP e os trece concellos con UMAD rexeitan a proposta de novo convenio e denuncian esta situación incomprensible que está a afectar negativamente ao servizo que se presta e na que os más prexudicados son os usuarios das UMAD de toda Galicia

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024.- Os trece concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia (UMAD) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) na súa representación, rexeitan a proposta recibida dende a Xunta de Galicia para renovar o convenio dirixido a cubrir os custos deste servizo por parte destes concellos.

Este rexeitamento presentouse na xuntanza da comisión de seguimento deste convenio mantida hoxe entre representantes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e da Consellería de Sanidade, pola parte da Xunta de Galicia, e unha delegación da FEGAMP encabezada pola súa secretaría xeral, Patricia Vilán.

Nesa mesma xuntanza dende a FEGAMP tamén se achegou o malestar unánime dos trece concellos con UMAD polo continuo incumprimento da Xunta de Galicia dos seus compromisos adquiridos dende 2022, polos que a Consellería de Sanidade cubriría de forma directa as vacantes de persoal sanitario das UMAD que se vaian producindo por motivo de xubilacións e que no prazo de 3 a 5 anos, a Consellería de Sanidade asumiría todo o persoal sanitario das UMAD.

Para o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, “estes incumprimentos da Xunta de Galicia están a afectar negativamente ao servizo que se presta polo que aínda costa máis entender por que se esta forzando esta situación na que os más prexudicados son os usuarios das UMAD de toda Galicia”.

Esta posición adoptouse nunha xuntanza previa mantida na FEGAMP na que participaron os trece concellos con UMAD: Carballo, Noia, Ribeira e Santiago de Compostela (A Coruña); Burela e Monforte de Lemos (Lugo); Ourense (Ourense); Cangas, O Grove, Pontevedra, O Porriño, Vigo e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Nesta xuntanza avaliouse negativamente a proposta recibida dende a Xunta de Galicia para o novo convenio, no que o importe contemplado no mesmo para a cobertura dos custos do servizo apenas supera os  4 millóns de euros anteriores, o que supón un grao do cobertura de aproximadamente o 70% do gasto total que supoñen as UMAD, que a propia Xunta de Galicia recoñece como competencia autonómica, pero que finalmente teñen que volver a ser os concellos os que garanten o servizo achegando recursos propios.

Pero a proposta de novo convenio aínda empeora as condicións anteriores, xa que ademais de seguir sen cubrir o total do custo agora a Xunta de Galicia pretende diferir o pagamento en dous prazos condicionados. Isto supón que os trece concellos con UMAD non só terían que financiar boa parte dun servizo que é competencia autonómica, sino que tamén terían que esperar máis tempo e realizar dúas xustificacións para poder recibir a contía económica dende a Xunta de Galicia.

Polo anterior e de xeito unánime os trece concellos decidiron rexeitar a proposta que empeora as condicións do convenio anterior, e denunciar publicamente o incumprimento permanente por parte da Xunta de Galicia dos compromisos adquiridos en xuño de 2022,  nun cronograma achegado pola Xunta que prevía a asunción das UMAD en xaneiro de 2024 despois da aprobación do decreto de transferencia en decembro de 2023.

Estes compromisos foron froito de máis de vinte e cinco xuntanzas mantidas coa Consellería de Sanidade dende a FEGAMP e os trece concellos que dispoñen de UMAD, e da resolución aprobada no Parlamento de Galicia en marzo de 2021, na que se “insta á Xunta de Galicia a que se acorde coa FEGAMP o mecanismo para iniciar o procedemento de incorporar ao Servizo Galego de Saúde os profesionais e servizos sanitarios de saúde mental que prestan os servizos dependentes das administracións locais, para ordenar a atención e que dependa do organismo competente en asistencia sanitaria, que é a administración autonómica”.

O presidente da FEGAMP considera que  “esta situación é moi grave, polo que emprazamos ao novo goberno da Xunta de Galicia a cumprir cos compromisos adquiridos con urxencia para garantir a calidade do servizo que se presta”, e exixe “unha xuntanza co novo conselleiro de Sanidade en canto teña tomado posesión do seu cargo co fin de retomar a aplicación dos compromisos adquiridos no cronograma”.

galer_a_fotos