Data:

O presidente da Fegamp, Alfredo García, mantivo unha reunión sobre a posible problemática da concesión de novas licenzas de estacións de servizo, en especial as de baixo custo, que carecen de persoal. Asistiron Benigno Redondo, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Pontevedra; Jesús García, vicepresidente da Asociación de Empresarios da Coruña; Manuel Malvido, responsable de Enerxía de FITAG-UGT Galicia; Manuel Benito González, FITAG-UGT Galicia; Victor Ledo, secretario xeral de CC.OO Industria de Galicia; José Hurtado, responsable de Política Industrial CC.OO Galicia; Miguel López, secretario da Unión de Consumidores de Galicia e Ignacio Rodríguez, secretario de COGAMI.
Na reunión abordáronse as posibles incidencias de seguridade e a atención a persoas con discapacidade e mulleres en estado de xestación. Os asistentes trasladaron á Fegamp a petición de que se estableza unha coordinación na concesión de licenzas, entre os servizos técnicos dos concellos e os servizos da Consellería de Industria, tanto de construcción como de actividade, e que estas conten á hora de expedirse con todas as autorizacións e rexistros da Xunta de Galicia.