Data:
Nun acto emotivo e inspirador, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda celebrou en Bos Aires a entrega de diplomas aos mozos e mozas participantes nos programas “Conecta con Galicia” e de " Conecta co voluntariado", así como ás e aos peregrinos que completaron parte do Camiño de Santiago.
Durante o evento, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou o entusiasmo e a dedicación dos mozos e mozas que gozaron do mar e do rico patrimonio natural de Galicia a través do programa “Conecta con Galicia”. Este programa ofreceu ás e aos participantes a oportunidade de conectar coas súas raíces e experimentar a beleza e a cultura galegas.
Tamén se fixo un recoñecemento especial aos mozos e mozas que participaron en diversas actividades de voluntariado, mostrando o seu compromiso coa comunidade e o medio ambiente. Estas experiencias non só contribúen ao desenvolvemento persoal, senón que tamén fortalecen os lazos coa terra galega.
O secretario compartiu as súas experiencias co grupo de mozas e mozos cos que percorreu un tramo do Camiño Portugués pola Costa. “Camiñar xuntos por este tramo foi unha experiencia inesquecible, chea de aprendizaxe e camaradería”, dixo. Estas mozas e mozos recibiron a súa “Compostela”, un diploma que certifica que percorreron polo menos 100 km deste emblemático camiño, desfrutando da súa gran beleza e espiritualidade.
“Quero felicitar a todos os participantes por embarcarse nestas xornadas de descubrimento e aventura. Vós sodes a proba viva da fortaleza e do espírito explorador da nosa xuventude galega. Os vosos logros son un orgullo para todos nós”, asegurou Miranda.
Para o secretario este acto “simboliza o recoñecemento ao esforzo, a dedicación e o espírito de aventura dos mozos galegos e de aqueles de ascendencia galega, reafirmando o compromiso da Secretaría coa promoción da cultura e valores galegos entre as novas xeracións”.
Por último, o secretario xeral da Emigración, quixo destacar a importancia do programa de maiores 'Reencontros con Galicia' da Xunta. “Este programa é unha iniciativa clave para reconectar aos nosos maiores coas súas raíces e tradicións galegas. Ofrecéndolles a oportunidade de volver á súa terra, contribuímos a reavivar os seus recordos e a fortalecer os vínculos coa súa comunidade orixinal. É un paso esencial no noso compromiso para honrar a nosa historia e preservar o rico patrimonio cultural de Galicia".