Os obxectivos de desenvolvemento sostible

En 2015 os 193 estados membro das Nacións Unidas chegaron a un consenso respecto á nova axenda universal, comprometéndose cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e o seu cumprimento para o ano 2030.

Co obxectivo de construír un mundo máis sostible nos próximos anos, os líderes mundiais aprobaron oficialmente esta axenda, que se compón de numerosas medidas e que persegue, entre outros, a igualdade entre as persoas, o fin da pobreza, a protección do planeta e a resolución dos retos económicos, sociais e ambientais do mundo actual.

A Axenda 2030 representa unha forma de actuar, e fai unha chamada expresa para involucrar de forma voluntaria ás administracións de todos os niveis e, do mesmo xeito, ao sector privado, ao sector académico, á sociedade civil e á cidadanía en xeral, mantendo sempre ás persoas no centro.