A Fegamp esixe que na mesa de negociación do financiamento autonómico se estude tamén o financiamento local

Data: 

venres, 1 Decembro, 2017 (Todo o día)

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, asegura que non se pode abrir a reforma do financiamento autonómico sen abrir tamén a reforma do financiamento local porque “é unha necesidade operativa pero tamén moral xa que os concellos están cumprindo co aforro e non poden quedar agora á marxe”. A Fegamp presenta hoxe na FEMP un documento de valoración das propostas do Comité de Expertos de Madrid sobre financiamento local e as afinidades coas 100 medidas propostas presentadas no mes de abril pola federación galega para acometer a reforma das Facendas Locais.

1 de decembro, Santiago de Compostela.- O presidente da Fegamp, Alfredo García valorou de forma positiva que o financiamento autonómico “estea agora de actualidade” pero amosou a súa preocupación porque “parece que só existe o financiamento autonómico e non podemos permitir que o financiamento local quede á marxe”. Continuaba García expresando que “o diñeiro é o que é e os servizos son os que son e o que hai que facer é repartir o diñeiro de forma equitativa e xusta entre as tres administracións”. Segundo expresaba o presidente da Fegamp: “a reforma debe ser paralela e homoxénea e iso é o que solicitaremos hoxe na FEMP”.

O presidente aludía á reunión de secretarios do Consello Territorial da FEMP na que participa hoxe a Fegamp en Madrid e ao que a entidade municipal galega eleva un documento de estudo das propostas presentadas polo Comité de Expertos de Madrid e avalado pola Comisión de Análise das Facendas Locais da Fegamp integrada por expertos na materia. Cabe recordar que esta Comisión de expertos galega xa elaborou no mes de abril deste ano 100 propostas para mellorar o financiamento local que foron presentadas pola Federación Galega de Municipios e Provincias en Santiago.

O presidente da federación valora en xeral “positivamente” o texto do Comité de Expertos xa que “recollen moitas das 100 medidas aprobadas pola Comisión de Análise das Facendas Locais que realizou a Fegamp este ano como a inclusión do criterio de dispersión xeográfica nos criterios de reparto da PIE”, pero resaltou que “tamén hai algunhas diferenzas como a subscrición do criterio de dispersión xeográfica aos concellos de menos de 20.000 habitantes que en Galicia sería inxusto debido a súa idiosincrasia territorial”, asegurou.

Alfredo García expresábase deste modo ao explicar que en Galicia o problema da dispersión xeográfica é unha problemática que tamén afecta aos concellos máis grandes e inclusive as grandes cidades,  polo que segundo adiantaba “desde Galicia pediremos que se inclúan tamén as nosas propias propostas adaptadas á realidade galega”. García explicou que a federación elevará este mesmo mes á Comisión Territorial da FEMP o documento comparativo das propostas feitas desde Madrid coas alcanzadas este ano por consenso de todos os grupos políticos na Comisión de Análise das Facendas Locais levada a cabo pola Fegamp.

FINANCIAMENTO LOCAL PIE

O presidente da Fegamp, Alfredo García, aínda que está de acordo co groso das propostas do Comité de Expertos de Madrid para a reforma do financiamento local asegura que “hai moitos aspectos coincidentes pero tamén proporemos medidas complementarias que non están contidas no documento é que queremos que se valoren”.Por exemplo, desde a Fegamp ademais  de estender o criterio de dispersión xeográfica a todos os concellos tamén piden que “ todos os criterios englobados en poboación, como serían a dispersión, a superficie ou o avellentamento poboacional, se implementen de forma individual e non se integren nunha única variable de poboación que prexudicaría moito aos concellos galegos”, explicaba García.

TRIBUTACIÓN LOCAL

No caso da tributación local hai varios aspectos no documento dos expertos coincidentes coas propostas aprobadas pola Fegamp, como “a necesidade de revisar con maior intensidade os valores catastrais do IBI, ou a reformulación do IVTM como imposto medioambiental”, e sobre todo o presidente da Fegamp destaca como “unha necesidade urxente” a reforma do deseño legal do imposto de plusvalía polo que os concellos “están soportando incerteza e riscos xudiciais sobre os seus ingresos”. En canto as diferenzas co informe da Comisión de Expertos, a Comisión da Fegamp “temos moitas dúbidas sobre o imposto de Estancias Turísticas e entendemos que poden explorarse outras fórmulas como unha participación extra no IVA xerado no ámbito territorial do propio concello polo incremento de poboación non residente que se dá por diversos motivos máis aló do aspecto turístico, xa que obviamente isto supón un sobrecusto dos servizos en certas tipoloxías de concellos”.

ÁMBITO COMPETENCIAL

Tamén destaca o presidente do órgano municipal que o documento dos expertos coincide coas propostas da Fegamp en que se apela a que os concellos incrementen o seu ámbito competencial en materias como os servizos sociais ou programas deportivos e culturais. En todo caso dende a Fegamp recálcase a necesidade de que calquera atribución de novas competencias aos concellos por parte do Estado ou das Comunidades Autónomas debe ir acompañada do seu instrumento de financiamento:“é un mal endémico; por poñer un exemplo recente, a Lei de Benestar animal aprobada fai uns meses, atribúe unha serie de obrigas aos concellos sen o financiamento correspondente”, aseguraba o presidente.

GASTO E XESTIÓN MUNICIPAL

A Fegamp amósase en consonancia tamén coas medidas en gasto e xestión municipal propostas pola Comisión de Expertos: “o teito de gasto debe discriminar positivamente a aqueles concellos que cumpren, como non podería ser doutro xeito”, explicaba Alfredo García. Tamén desde a Fegamp consideran “básica” a solicitude de ampliación do catálogo de inversións que se consideran financeiramente sostibles: “non ten sentido que os concellos que están xerando remanentes non poidan destinalo á prestación de servizos básicos ou de maior necesidade”, remataba García.

REFORMA INMEDIATA

Polo tanto, desde a Fegamp “entendemos que a reforma do sistema de financiamento local non se debe demorar máis”, aseguraba o presidente Alfredo García, que recalcaba que “o informe dos expertos é do mes de xullo e xa estamos en decembro”. Piden ademais desde a Fegamp “que se inclúan as propostas propias de Galicia xa que se novamente quedamos relegados na negociación despois, como xa sucedeu, sufriremos as consecuencias negativas”.

Por isto a Fegamp presenta hoxe na reunión de secretarios do Consello Territorial da FEMP en Madrid a súa valoración do documento presentado polo Comité de Expertos poñendo en valor os aspectos coincidentes de ambos documentos.