Máis dun centenar de concellos galegos solicitaron adherirse ao selo Doing Business.

Data: 

venres, 20 Abril, 2018 - 12:30
concellos emprendedores de galicia co selo doing business

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2018.-  O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, xunto co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, fixeron esta mañá entrega dos 47 primeiros selos de Concello Emprendedor a outros tantos alcaldes e alcaldesas, e tamén algún concelleiro, que participaron no acto celebrado no Palacio do Carme en Santiago de Compostela.  

Na súa intervención o presidente da Fegamp, Alfredo García destacou que a verdadeira vitoria era conseguir a unión do municipalismo fronte a proxectos que promovan e dinamicen os territorio e felicitou aos asistentes por esta razón. García tamén se amosou cauto en canto ao resultado final destas políticas de implantación empresarial asegurando que o análise haberá que facelo nuns anos “cando se poida valorar a achega real de empresas aos territorios“. Alfredo García proseguiu comentando a necesidade de fixar a xente nos concellos fóra dos grandes núcleos de emprego.

Para o presidente da Fegamp as propostas que tiveron que asumir os concellos como as bonificacións do 99% en impostos ás empresas que se implanten no territorio, “non deben verse coma unha perda de diñeiro si non que son unha inversión”; tamén comentou que os concellos aínda que deixarán de ingresar ese diñeiro durante 3 anos, despois gañarán: “estamos sementando para crear emprego e fixar poboación e atraendo a empresas que queiran establecerse nos nosos concellos”, asegurou referíndose aos postos de traballo creados e tamén aos impostos que recibirán pasado o tempo por parte das empresas implantadas.

García puxo a atención tamén no compromiso municipal co emprego destacando que quedaba patente polo gran número de alcaldes que se citaron para o evento: “o que está claro é que pode verse aquí que os concellos non nos temos quedado quietos esperando que as empresas veñan e se establezan nos nosos concellos e estamos traballando para facilitarlle o camiño”, aseguraba o presidente municipal.

Galería entrega selos Doing Business