Os concellos galegos poderán mellorar a xestión e infraestruturas dos seus puntos limpos

Data: 

mércores, 30 Marzo, 2016 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias e a Xunta de Galicia veñen de asinar un convenio co obxectivo de mellorar os puntos limpos  nos que se efectúa a recollida de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). O presidente da Fegamp, Alfredo García,  subscribe este acordo coa conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, para que os concellos galegos poidan adaptarse aos preceptos do Real Decreto 110/2015 do 20 de febreiro,  que procura “superar as insuficiencias detectadas na xestión destes residuos”.

As principais accións que recolle o convenio son a mellora das zonas de recollida dos RAAE, sumándolles  ás infraestruturas existentes, medios de pesado, marquesiñas para o almacenamento, barreiras e colectores que non permitan que líquidos nocivos poidan espallarse e a colocación de distintivos e carteis para información e sinalización.

Outra das principais cuestións aprobadas no convenio é a intención da Fegamp e a Xunta de Galicia de mellorar a formación do persoal dos concellos neste eido, para que poidan acometer un tratamento axeitado dos residuos, proporcionando tamén aos municipios subscritos certa autonomía para levar adiante unha xestión máis eficaz destes residuos eléctricos e electrónicos.

As accións de mellora contan cunha partida inicial de máis de 536.000 euros e estarán financiadas polos Fondos Feder da Unión Europea nun 80%, mentres a Xunta de Galicia aportará o 20% restante. Os concellos poderán subscribirse libremente ao convenio, como candidatos para recibir as achegas.