PREMIOS GALICIA PARABÉNS 2017 E 2018. PRAZO: 23-03-2017

Data: 

martes, 24 Xaneiro, 2017 (Todo o día) a xoves, 23 Marzo, 2017 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia 

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos Premios Galicia Parabéns e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018. BDNS(Identif.): 329442.

Obxecto e réxime

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos Premios Galicia Parabéns como un recoñecemento institucional e social ás iniciativas destinadas a conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, os núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os Premios Galicia Parabéns constarán das seguintes categorías:

1ª categoría:

Destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións realizadas –nos últimos dez anos– para conseguir unha mellora da paisaxe, unha integración axeitada nela de elementos antrópicos (arquitecturas, estradas, industrias, canteiras...), ou da propia mellora estética dos núcleos poboacionais. Así mesmo, inclúense nesta categoría as iniciativas ou actuacións de embelecemento realizadas nos lindes das rutas dos Camiños de Santiago.

2ª categoría:

Destinada a premiar os mellores proxectos dirixidos á realización de obras de revalorización e embelecemento, tanto para promover unha mellora da paisaxe como para intervencións nos núcleos poboacionais ou nos lindes dos Camiños de Santiago.

3. Outorgarase un premio en cada unha das dúas categorías establecidas no número anterior, cuxa dotación económica será:

– Para a primeira categoría establécese un premio de 400.000 €.

– Para a segunda categoría establécese un premio de 400.000 €.

4. Os premios quedarán desertos cando a iniciativa non acade unha puntuación mínima de 50 puntos, de conformidade co disposto no artigo 10 destas bases.

Así mesmo, o xurado poderá outorgar unha ou varias mencións especiais a algúns dos proxectos ou iniciativas participantes, que non terán dotación económica.

5. Os/as premiados/as recibirán un diploma ademais da dotación económica do premio. O diploma entregaráselles nun acto público, e o pagamento realizarase segundo o disposto no artigo 14.4.

6. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado no réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

7. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no parágrafo anterior, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios contidos na sección 3ª, capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Beneficiarios/as

Poderán participar nesta convocatoria segundo as categorías que se establecen no artigo anterior os concellos, as agrupacións de concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos de Galicia, os consorcios locais galegos e as áreas metropolitanas galegas, se as houber.

Para os efectos desta resolución, considérase agrupación de concellos aquela candidatura subscrita por dous ou máis concellos, e deberá observarse o disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os concellos non poderán solicitar o premio en máis dunha candidatura. A infracción deste aspecto dará lugar á non admisión de todas as candidaturas de que formen parte.

Non poderán participar nesta convocatoria as sete grandes cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, e as entidades locais nas que están integradas.

Financiamento

Os premios previstos nestas bases imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2 761A 760.0, proxecto 2017 00004, dos orzamentos da Axencia Turismo de Galicia para as anualidades 2017 e 2018.

A distribución para cada anualidade e para ambas as dúas categorías é a seguinte:

Anualidade 2017: 200.000 €.

Anualidade 2018: 600.000 €.

Prazo

O prazo de presentación de candidaturas será de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: 

galer_a_fotos