A Secretaría de Migracións do PSdeG-PSOE de Ourense lembra que os retornados de Alemaña deben presentar unha fe de vida

La Región Internacional 13/01/2023

“En moitos casos as propias empresas ou aseguradoras alemás xa envían de oficio o documento correspondente, pero hai casos puntuais onde son pequenas aseguradoras que esperan que os propios retornados envíen unha fe de vida internacional”, explica Luís Gulín

A secretaría de migracións da executiva provincial do PSdeG-PSOE de Ourense informa que as consellerías de traballo nos consulados españois no exterior, as antigas oficinas socio-laborais, están lembrando aos pensionistas residentes nas súas respectivas demarcacións e que perciben unha pensión do INSS, que deben presentar como cada ano unha fe de vida entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo para poder seguir percibindo esta prestación desde España.

“En caso de dúbida deben poñerse en contacto cos consulados correspondentes”, sinala o secretario provincial de migracións, Luís Gulín Iglesias. A maiores, no caso de Alemaña, dende o PSdeG-PSOE de Ourense lémbrase aos pensionistas españois residentes no pais xermano que esa pensión española “está suxeita a detraccións para a seguridade social alemá, tanto no seguro médico, como no seguro de dependencia, polo tanto, non se cobra integramente”.

Dende a área de migracións do PSOE ourensán tamén lle lembran aos emigrantes retornados de Alemaña e residentes en Ourense que “están obrigados durante este mes de xaneiro a enviar unha fe de vida a Alemaña, no caso de que cobren unha pensión complementaria da empresa (Betriebsrente) a maiores da pensión oficial”.

“En moitos casos as propias empresas ou aseguradoras alemás contratadas xa envían de oficio o documento correspondente, pero hai casos puntuais onde son pequenas aseguradoras que esperan que os propios retornados envíen unha fe de vida internacional”, explica Luís Gulín, que tamén apunta que “en caso de non envialo non se tramita o pago correspondente ata ter o documento correspondente”.