SUBVENCIÓNS DESTINADAS Á CREACIÓN OU MELLORA DE INFRAESTRUTURAS NOS CONCELLOS DE GALICIA CON POBOACIÓN INFERIOR A 50.000 HABITANTES. PRAZO: 25-02-2019

Data: 

xoves, 24 Xaneiro, 2019 (Todo o día) a luns, 25 Febreiro, 2019 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda 

ORDE do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas nos concellos de Galicia con poboación inferior a 50.000 habitantes, para o ano 2019 (código de procedemento MT300A). BDNS (Identif.):435380.

Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas aos concellos de Galicia, con poboación inferior a 50.000 habitantes, para a creación e mellora de infraestruturas, e convocalas para o ano 2019.

A xestión das subvencións obxecto desta convocatoria realizarase de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios da subvención os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter unha poboación inferior a 50.000 habitantes. Para estes efectos, considerarase o número de habitantes recollido no último padrón municipal aprobado polo Real decreto 1039/2017, do 15 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2017. No caso de que na data de publicación desta orde estiver publicado o real decreto referido as cifras de poboación do ano seguinte, tomarase este último como referencia.

2. Ter remitido ao Consello de Contas a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario 2017 antes do remate do prazo de presentación da solicitude de axuda.

3. Non estar incursos en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

4. Acreditar a viabilidade do proxecto referido ao ámbito en que se pretenden realizar as actuacións obxecto da solicitude. Este requisito acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II.

Para os efectos desta orde, entenderase que existe plena viabilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención dispoñan de todas as autorizacións e informes sectoriais que precise por razón da materia.

Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos destinados á creación ou mellora de infraestruturas, dotacións e instalacións vinculadas á prestación dos servizos municipais que se indican a seguir:

a) Humanización e mellora urbanas de rúas.

b) Humanización e mellora de espazos públicos.

Para estes efectos defínese:

Actuacións de humanización: actuacións que supoñan aumentar a superficie do espazo público para o seu uso polos peóns en detrimento do seu uso por vehículos de motor.

Actuacións de melloras: obras que doten de redes de servizos urbanos (abastecemento, recollidas de augas, iluminación pública, soterramento de cables de telefonía e electricidade), reforma ou formación de beirarrúas en vías de titularidade pública, supresión de barreiras arquitectónicas e, en xeral, obras que melloren a utilización polas persoas dos espazos públicos.

2. Cada concello só poderá solicitar axuda para unha actuación das descritas anteriormente. Cando o órgano instrutor observe que un concello participa en máis dunha actuación, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

3. As actuacións para as cales se solicite a subvención deberanse iniciar no exercicio 2019 e os prazos da súa execución terán en conta as datas límite de xustificación que se especifican no artigo 14 desta convocatoria. Para tal efecto, o período de referencia para a imputación dos gastos subvencionables será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de outubro de 2020, conforme as condicións que se especifican no artigo 14 desta orde de axudas.

Crédito e importe máximo das subvencións

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 2019 07 04 521A 7620 (proxecto 2015 00235) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019. Destínase para tal finalidade un total de dous millóns catrocentos corenta e seis mil catrocentos euros (2.446.400,00 €), distribuídos nas seguintes anualidades:

2019: 822.500,00 €.

2020: 1.623.900,00 €.

O Consello da Xunta, na súa reunión do 18 de outubro de 2018, aprobou o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, polo que, para os efectos da tramitación desta orde, resulta de aplicación o establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001; queda condicionada a concesión de subvencións ao abeiro desta convocatoria á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2019.

2. A axuda económica será o 80% do investimento subvencionable, co límite máximo de noventa e seis mil oitocentos euros (96.800,00 €) por concello (IVE incluído), ata o esgotamento do crédito a que se refire o punto anterior.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Descargas: