Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga. Prazo: 26-02-2024

Data: 

sábado, 27 Xaneiro, 2024 (Todo o día) a luns, 26 Febreiro, 2024 (Todo o día)

 

Augas de Galicia

Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU301C).

BDNS (Identif.): 740834.

Obxecto

Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia non competitiva, para a realización de auditorías municipais de abastecemento para minimizar as perdas de auga, e convocar estas subvencións para o ano 2024 (código de procedemento AU301C).

Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos responsables de sistemas de abastecemento á poboación cunha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes, segundo cifras de poboación acordes co establecido no Real decreto 1037/2022, do 20 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2022.

Non poderán ser beneficiarios os concellos que xa o fosen ao abeiro da convocatoria do ano 2022, convocada pola Resolución do 23 de xuño de 2022, salvo que, unha vez notificada a resolución de concesión, renunciasen a subvención no prazo establecido no artigo 19 das bases da convocatoria.

Importe

As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de douscentos mil euros (200.000 €).

O importe das subvencións será do 80 % do gasto subvencionable, ata esgotar o crédito e cos límites máximos por solicitude que se indican a seguir:

a) Dez mil euros (10.000,00 €) en concellos de entre 10.001 e 50.000 habitantes.

b) Oito mil euros (8.000,00 €) en concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes.

c) Sete mil cincocentos euros (7.500,00 €) en concellos de entre 2.001 e 5.000 habitantes.

d) Seis mil euros (6.000 €) en concellos de 2.000 habitantes ou menos.

Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2024 destinados á elaboración de auditorías municipais dos seus sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de auga, sempre que se refiran a traballos que non estean completamente executados no momento de presentación da solicitude de subvención.

As auditorías municipais dos sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de augas deberán ter o seguinte contido mínimo:

a) Unha descrición detallada do sistema de abastecemento do concello, que conteña, como mínimo:

Unha explicación do funcionamento do sistema de abastecemento.

Un inventario dos elementos singulares (puntos de captación de auga e a súa tipoloxía, equipamentos de medición existentes en captación, transporte, distribución e usuario final, estacións de bombeo de auga, depósitos de almacenamento, estacións de tratamento de auga potable), coas súas principais características, localización e fotografías.

Información sobre as redes de abastecemento (condución e distribución), lonxitude da rede de distribución, estado de conservación e antigüidade das instalacións de abastecemento existentes.

Inventario estimado do parque de contadores, características e antigüidade.

Os núcleos de poboación e zonas a que se subministra auga.

b) Documentación gráfica, planos en formato dixital (CAD ou SIX) do sistema de abastecemento do concello, que conteñan, como mínimo: puntos de captación de auga, equipamentos de medición existentes desde a captación aos puntos de consumo, estacións de bombeo de auga, depósitos de almacenamento, estacións de tratamento de auga potable e as zonas e núcleos a que se subministra auga.

c) Datos sobre o volume medio de auga captada e subministrada á rede de abastecemento, o número de usuarios conectados diferenciados por tipoloxía (domiciliarios, grandes consumidores etc.), e a tipoloxía de consumos de auga rexistrados e non rexistrados e facturados e non facturados.

d) Un balance hídrico de todo o sistema de abastecemento, tendo en conta a auga captada, a auga rexistrada e a auga non rexistrada.

e) Un plan de actuacións aprobado polo concello para minimizar as perdas de auga dos sistemas de abastecemento á poboación nos seguintes catro anos, dando cumprimento á disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, que conteña, como mínimo:

Medidas e actuacións para a redución dos consumos autorizados non rexistrados.

Medidas e actuacións para a redución das perdas aparentes (erros de medición, erros de lectura, consumos non autorizados).

Medidas e actuacións para a redución das perdas reais.

Todas as medidas propostas deberán estar totalmente definidas e detalladas coa súa localización concreta, valoradas economicamente e programadas temporalmente no prazo de catro anos desde a aprobación en pleno. O plan de actuacións conterá un estudo económico que valore os investimentos que se van realizar e a recuperación económica esperada en termos de redución das perdas de auga.

Para estes efectos, na seguinte ligazón da páxina web de Augas de Galicia, póñense á disposición unhas recomendacións para a elaboración de auditorías de abastecemento e plans de actuacións para minimizar as perdas de auga:

https://augasdegalicia.xunta.gal/seccion-tema/c/Planificacion_do_abastec...

2. Será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) só no caso de que non sexa repercutible de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido. Para tal efecto, o concello deberá presentar coa documentación xustificativa un certificado en que declare expresamente que o IVE dos gastos subvencionables non é repercutible polo concello.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 740834): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia.

 

Descargas: