Subvencións para actuacións de rehabilitación: Programa de infravivenda (código de procedemento VI406A). Prazo: 03-06-2024

Data: 

venres, 15 Marzo, 2024 (Todo o día) a luns, 3 Xuño, 2024 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 2024 pola que se convocan para o ano 2024 distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación: Programa de infravivenda (código de procedemento VI406A).

BDNS (Identif.): 748177.

Obxecto

1. Estas subvencións están dirixidas a prestarlles apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente as unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha infravivenda e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

2. Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitirlles aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nas bases reguladoras.

Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación desta convocatoria.

b) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, en que o seu prazo de presentación estivese vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se encontren nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro de 2020).

Procedemento

Sen prexuízo das especialidades establecidas para cada programa de axudas, os procedementos de concesión iniciaranse de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación desta resolución.

Crédito orzamentario

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 06.81.451A.760.0, por importe de 370.000 euros, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2024.

Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e vivendas co obxecto de que estas acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade.

En concreto, serán subvencionables con cargo a este programa as actuacións que teñan por obxecto:

– A reforma ou rehabilitación de elementos exteriores.

– A mellora das condicións estruturais e de seguridade.

– A mellora da accesibilidade da edificación ou das vivendas.

– A mellora da habitabilidade. Dentro destas últimas, será subvencionable a execución de obras que eviten a entrada no edificio do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no DOG e rematará o día 3 de xuño de 2024 e, en todo caso, no momento de esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, que será publicada no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 748177): http://www.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral do IGVS.

-Na Área Provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou a vivenda en que se realicen as actuacións.

 

Descargas: