Subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo (Feader). Prazo: 21-03-2024

Data: 

xoves, 22 Febreiro, 2024 (Todo o día) a xoves, 21 Marzo, 2024 (Todo o día)

 

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural 

Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia, e se anuncia a convocatoria para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR711D).

BDNS (Identif.): 744088.

Obxecto

Regular o procedemento de concesión das axudas que xestionará a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da Intervención 6872-Investimentos en servizos básicos das zonas rurais, do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo.

Para estes efectos, o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da correspondente convocatoria estará dispoñible no enderezo da páxina web de Agader (agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda) a relación de aldeas modelo declaradas en virtude dos correspondentes acordos do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das axudas xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se teña declarado no seu territorio unha aldea modelo ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

b) Ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estea obrigada, antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude de axuda.

c) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia.

d) Ter a titularidade ou, de ser o caso, a dispoñibilidade, durante un período mínimo de cinco anos dos bens sobre os que se vai actuar.

Contía

A dotación máxima para financiar estas axudas ascende a 3.000.000 €, que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 14-A1-712A-760.00 (código de proxecto 2024-00004) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2024.

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Con carácter xeral, a axuda financiará o 100 % dos gastos subvencionables, ata o importe máximo de 150.000 € de axuda.

Non obstante o anterior, nos proxectos de infraestruturas en enerxías renovables e relacionadas coa eficiencia enerxética, a axuda financiará o 80 % dos gastos subvencionables.

Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables as actuacións destinadas á:

a) Instalación, ampliación ou mellora das redes de alumeado público.

b) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos (prazas, paseos, parques públicos, parques infantís, etc).

c) Mellora de vías públicas municipais.

d) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

e) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

f) Rehabilitación de elementos patrimoniais, tales como fontes, lavadoiros, hórreos, muíños.

g) Implantación e mellora de servizos asistenciais (atención á infancia, centros de día, residencias para maiores, dependentes ou discapacitados, centros formativos e de inserción/reinserción laboral/social, etc.).

h) Implantación e mellora de servizos culturais (bibliotecas, casas de cultura, centros de interpretación, museos, etc.).

i) Centros de servizos, así como pequenas infraestruturas e/ou equipamentos a pequena escala que fomenten a cooperación, servizos e implantación ou mellora das empresas no medio rural.

j) Creación, mellora e despregue de infraestruturas para mellorar as comunicacións naquelas contornas en que non sexan posibles as comunicacións de voz en mobilidade.

k) Pequenas infraestruturas de abastecemento de auga, saneamento e depuración de augas residuais e xestión de augas pluviais.

l) Pequenas infraestruturas en enerxías renovables e de eficiencia enerxética.

m) Dixitalización de núcleos rurais.

n) Implantación de e-servizos mediante TIC específicas para a provisión de servizos no medio rural. Desenvolvemento de modelos de prestación de servizos por medios electrónicos e facendo uso das novas tecnoloxías para conseguir a personalización e proactividade do servizo ou a xestión intelixente de redes de distribución.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e se anuncia a convocatoria para o ano 2024.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 744088): http://www.pap.minhap.gob. es/bdnstrans/index

-Na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural:

 

Descargas: