Xornada "A saúde en todas as políticas. O seu desenvolvemento no ámbito local"

Data: 

martes, 4 Outubro, 2016 - 09:00

A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e da Secretaría Xeral para o Deporte, estamos a organizar unha xornada titulada “A Saúde en todas as políticas. O seu desenvolvemento no ámbito local” que se celebrará o vindeiro 4 de outubro en Santiago de Compostela.

Obxectivo da xornada:

O obxectivo da xornada é pór en valor as políticas e accións doutros sectores diferentes ao sanitario que teñen un impacto en saúde. O sector saúde non pode traballar de maneira illada senón que son necesarias abordaxes intersectoriais que coordinen as intervencións que poidan ter repercusión na saúde, o benestar e a calidade de vida. Neste senso, o ámbito municipal adquire unha importancia capital por seren o máis próximo á poboación e por ter os Gobernos Locais competencias en políticas con influencia directa na saúde da poboación (urbanismo, cultura, deportes, seguridade,...). Asemade a coordinación de servizos a nivel local produce sinerxías moi efectivas para gañar saúde.

Xornada dirixida a:

A xornada está dirixida ás persoas que forman parte das corporacións municipais e persoal técnico municipal responsable das áreas relacionadas coa saúde (sanidade, medio ambiente, deporte, infraestruturas, transportes, servizos sociais, educación,...) e persoal técnico de deputacións. A xornada tamén estará aberta a responsables e técnicos das consellerías  relacionadas e aos representantes dos Grupos Parlamentarios, así como aos membros da Comisión de Sanidade.

A xornada celebrarase en Santiago, na sede da EGAP sita na Rúa de Madrid, 2-4 en Santiago de Compostela. 

Programa , ficha de inscrición e máis información no seguinte enlace:  http://www.sergas.es/Saude-publica/Xornada-Saude-en-todas-as-politicas