Data:
Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio
RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2016, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes, en materia de colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións municipais, para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o Plan Hurbe no ano 2016.
Obxecto e finalidade
O Plan Hurbe 2014-2017 continúa na senda iniciada polo Plan Hurbe 2010-2013 e trata de articular unha estratexia de posta en valor das vilas, tanto as grandes como as pequenas, e dos núcleos rurais, que permita crear as condicións propicias para o seu desenvolvemento sustentable, sen prexuízo de actuacións puntuais nas cidades, que se encadren nos obxectivos fixados neste plan.
Para tal fin é preciso acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes, perseguindo os seguintes obxectivos:
1. Promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais con criterios de sustentibilidade económica, ambiental e social.
2. Mellorar os equipamentos e as dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos co fin de proporcionar unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais da nosa comunidade autónoma.
3. Fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico das vilas.
4. Incorporar as tecnoloxías de información tanto nas instalacións como na previsión de usos e actividades dos equipamentos municipais.
5. Prestar especial atención a aquelas accións sensibles á especificidade de xénero que garantan un acceso máis equitativo de mulleres e homes aos bens e servizos.
Beneficiarios
Todos aqueles concellos que estean interesados en colaborar coa Xunta de Galicia no marco do Plan Hurbe, para a realización de obras cuxa titularidade corresponda aos respectivos municipios, e que teñan por destino un uso ou servizo público encadrado dentro dalgún dos tres programas do Plan Hurbe.
Os programas do actual Plan Hurbe 2014-2017 son:
• Programa de equipamentos públicos.
• Programa de humanización de rúas.
• Programa de urbanización e mellora de espazos públicos.
No marco do Programa de equipamentos públicos a Xunta de Galicia promoverá a execución de equipamentos urbanos municipais, baixo criterios de eficiencia e sustentabilidade, co fin de dotar os concellos dunha adecuada oferta de actividades de lecer, recreativas, culturais e de lecer. Serán obxectivos específicos deste programa:
– Incrementar a oferta de infraestruturas e equipamentos óptimos para o desenvolvemento de actividades e eventos de carácter cultural que permitan garantir o acceso á cultura á totalidade da poboación.
– Contribuír á dinamización cultural, económica e de cohesión social, priorizando as actuacións en comarcas carentes destas infraestruturas.
Dentro do Programa de humanización de rúas, promoveranse todas aquelas actuacións orientadas a mellorar a seguridade, accesibilidade e, en definitiva, unha mellora na calidade das rúas que garanta o benestar dos veciños. Destacan os seguintes obxectivos específicos:
– Recuperación de espazo público peonil para facilitar os desprazamentos e potenciar a súa función como espazo de encontro dos veciños.
– Mantemento e conservación das rúas en óptimas condicións de seguridade, para os vehículos e transeúntes.
No que se refire ao Programa de urbanización e mellora de espazos públicos,
Potenciaranse as actuacións de conservación e recuperación de espazos públicos para a súa posta en valor como espazo social, cultural e economicamente activo, destacando como obxectivos específicos:
– Rexeneración ambiental de espazos degradados para o seu uso pola colectividade.
– Incrementar a oferta dos espazos de convivencia, con especial atención a aqueles que revistan un especial interese histórico, artístico ou arquitectónico.
As obras respecto das cales se solicite a colaboración deberán ser obras cuxo inicio de execución teña lugar no presente exercicio 2016, e poderá estenderse a dita execución non máis alá do exercicio 2017.
O concello poderá contribuír economicamente ao financiamento da obra, expresando tal circunstancia, así como o importe da súa achega, na solicitude.
Prazo
O prazo sinalado para presentar solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG.
As solicitudes presentadas valoraranse por orde de entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, para os efectos de comprobar a súa adecuación aos requisitos previstos nesta resolución, e, en particular, aos obxectivos do Plan Hurbe 2014-2017, dentro do límite das dispoñibilidades orzamentarias.
Unha vez analizadas as solicitudes conforme o previsto no punto anterior, procederase, se é o caso, á sinatura dos correspondentes convenios de colaboración.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
DOG Nº. 116 | 625.42 KB |