Axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na rede Natura 2000 de Galicia. Prazo: 26-02-2024

Data: 

sábado, 27 Xaneiro, 2024 (Todo o día) a luns, 26 Febreiro, 2024 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Orde do 17 de xaneiro de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2024 e 2025 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MT814A).

BDNS (Identif.): 740819.

Finalidade e obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras do réxime de axudas dirixidas a promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural dos espazos da Rede Natura 2000 de Galicia ou de zonas limítrofes fóra desta pero localizadas en parroquias incluídas parcialmente na Rede Natura 2000 (código do procedemento administrativo MT814A).

Así mesmo, a través desta orde convócanse as axudas correspondentes aos exercicios orzamentarios dos anos 2024 e 2025 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva que serán cofinanciadas polo Feader.

2. A finalidade desta orde é a de contribuír a deter e inverter a perda de biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats e as paisaxes, contribuíndo á consecución dos obxectivos recollidos na Intervención 6871. Inversións non produtivas en servizos básicos no medio natural - subintervención 68710_01 RN 2000, incluída no PEPAC 2023-2027.

Persoas beneficiarias e ámbito territorial

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

a) As persoas físicas.

b) Os concellos incluídos total ou parcialmente na Rede Natura 2000 de Galicia.

c) As asociacións sen ánimo de lucro, incluídas aquelas que teñan asinados acordos de custodia do territorio con persoas físicas ou xurídicas titulares ou cotitulares de explotacións agrícolas, gandeiras ou as súas agrupacións.

d) As comunidades de montes veciñais en man común.

2. Son requisitos para obter a condición de beneficiaria os enumerados nos puntos 1, 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As axudas desta orde aplicaranse a actuacións que se desenvolvan no ámbito territorial do Decreto 37/2014, de 27 de marzo, excluíndo o territorio daqueles concellos que estean incluídos total ou parcialmente nun parque natural.

Contía

1. Crédito total da convocatoria: 2.800.000 euros. Esta dotación inicial poderase modificar e/ou incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Concederase o 100 % do seu custo subvencionable, cun importe máximo de 15.000 €/proxecto no caso das persoas beneficiarias referidas no artigo 2.1a), 2.1.c) e 2.1.d) e de 30.000 € no caso das persoas beneficiarias do artigo 2.1.b). Só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por persoa solicitante.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e irán dirixidas ao Servizo de Patrimonio Natural da xefatura territorial correspondente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 740819): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Nos servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

 

Descargas: