Axudas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal (PRTR). Prazo: 04-09-2023

Data: 

sábado, 5 Agosto, 2023 (Todo o día) a luns, 4 Setembro, 2023 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Orde do 21 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se realiza a súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975S). BDNS (Identif.): 711103.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións encamiñadas a implementar a mellora na recollida de residuos, a través da mellora dos puntos limpos, puntos limpos de proximidade e puntos limpos móbiles, así como ao fomento da preparación para a reutilización e a autorreparación (código de procedemento MT975S), ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para os anos 2023 e 2024.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos, que cumpran os requisitos establecidos para cada unha das liñas subvencionables sinaladas nesta orde.

No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicará a cada un deles, que terán, igualmente, a condición de beneficiarios, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento dentro do prazo concedido para o efecto.

Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación en que se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, sexa posterior no tempo. Pola contra, unha entidade poderá concorrer a unha ou varias das liñas subvencionables, para o cal deberá presentar unha solicitude por cada liña á cal queira concorrer.

Para poder ser beneficiarias destas axudas, as entidades locais deberán ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda no Consello de Contas de Galicia.

Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Contía

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2023 e 2024 procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, cun importe total de 3.100.000,00 €, segundo se indica a seguir:

a) Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1 (código de proxecto 2023 00229) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023: ata un máximo de 310.000 €, procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1: 75.000 €.

2º. Importe para a liña 2: 10.000 €.

3º. Importe para a liña 3: 40.000 €.

4º. Importe para a liña 4: 25.000 €.

5º. Importe para a liña 5: 160.000 €.

b) Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1 (código de proxecto 2023 00229) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 ata un máximo de 2.790.000 €, procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1: 675.000 €.

2º. Importe para a liña 2: 90.000 €.

3º. Importe para a liña 3: 360.000 €.

4º. Importe para a liña 4: 225.000 €.

5º. Importe para a liña 5: 1.440.000 €.

Actuacións subvencionables

1. Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións que se citan a seguir para cada liña de axuda:

a) Liña 1: melloras nos puntos limpos existentes: proxectos de mellora das condicións das instalacións municipais para a recollida separada dos distintos fluxos de residuos, puntos limpos.

Serán subvencionables ao abeiro deste punto proxectos e actuacións que teñan por obxecto a mellora nas instalacións municipais para a recollida separada dos distintos fluxos de residuos, puntos limpos, co obxecto de mellorar a súa reciclaxe ou outra forma de valorización, así como reducir a cantidade de residuos que se destina a eliminación. Os conceptos financiables dentro deste tipo de proxectos son os que se recollen a continuación:

1º. A construción (incluíndo a adecuación do terreo) necesaria para a recollida separada dos distintos fluxos de residuos.

2º. Cubertas para a zona de almacenamento de residuos. Priorizarase o pechado de residuos cuxa exposición ao sol e á auga teñan efectos prexudiciais para a súa reciclaxe ou valorización. En particular, residuos de RAEE, pilas, téxtiles, vernices e outros residuos domésticos perigosos.

3º. Impermeabilización e recollida de derramamentos da zona de almacenamento de residuos perigosos.

4º. Compra de contedores e gaiolas apropiadas para o almacenamento das distintas fraccións de residuos. Teranse en conta, especialmente, aqueles proxectos que presenten un aumento das fraccións recollidas separadamente, en especial, as relacionadas con téxtiles e residuos domésticos perigosos. Neste concepto inclúense tanto contedores metálicos, como gaiolas ou andeis.

5º. Básculas para pesada de entradas e saídas de residuos.

6º. Ferramentas informáticas (incluído software) para o rexistro tanto de entradas como de saídas de residuos (arquivo cronolóxico telemático).

7º. Instalacións destinadas á preparación para a reutilización, xa sexa para o almacenamento separado dos residuos susceptibles de seren preparados para a reutilización como para a comprobación ou tratamento.

8º. Elementos de información no propio punto limpo sobre as condicións de entrega adecuada dos residuos, tales como carteis, paneis ou sinalización.

9º. Melloras no control de acceso á zona de almacenamento de residuos tales como peches perimetrais, sistemas de control de acceso, peches de zona de almacenamento, sistemas de videovixilancia, alarmas, etc.

10º. Formación para o persoal do punto limpo en materia de preparación para a reutilización co obxecto de seleccionar adecuadamente aqueles residuos susceptibles de seren preparados para a reutilización.

11º. Servizos complementarios á execución da obra, tales como honorarios de redacción de proxecto, dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde.

b) Liña 2: actuacións destinadas á instalación de puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos.

En particular, serán subvencionables ao abeiro deste punto as accións dirixidas á implantación de puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos. Os conceptos financiables dentro deste tipo de proxectos son os que se recollen a continuación:

1º. Adquisición de puntos limpos de proximidade, con diferentes compartimentos para a recollida de distintos fluxos de residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida, sempre que se xustifique que cumpren os obxectivos deste servizo.

2º. Adquisición de ferramentas informáticas (incluído software) para o seguimento da rastrexabilidade dos residuos recollidos.

3º. Os elementos de información no propio punto limpo de proximidade sobre as condicións de entrega adecuada dos residuos, tales como carteis, paneis ou sinalización (máximo 1.000 €).

Para subvencionar as actuacións destinadas a puntos limpos de proximidade, a entidade local deberá acreditar o destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa autorizada ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. Por outra banda, a entidade local deberá comprometerse ao cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos.

c) Liña 3: puntos limpos móbiles: proxectos destinados a favorecer a prevención, a recollida separada e adecuada clasificación de fluxos especiais de residuos municipais a través da adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola Rede galega de puntos limpos existentes para a reutilización ou reciclaxe na nosa comunidade autónoma.

Ao abeiro desta liña serán subvencionables as actuacións que se citan a seguir:

1º. Adquisición de puntos limpos móbiles, con diferentes compartimentos para a recollida de residuos. Poderán ser os seguintes modelos:

• Contedor/caixa metálica de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado para a súa carga e traslado).

• Remolque e contedor metálico de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado para a súa carga e traslado).

• Camión con caixa e chasis.

• Furgoneta adaptada con diferentes contedores ou compartimentos:

• Outros modelos do mercado, sempre que se xustifique que cumpren os obxectivos deste servizo.

• Todos os vehículos adquiridos deberán ser eléctricos ou de biogás de orixe vexetal.

2º. Adquisición de equipamentos ou elementos complementarios para a función que prestan os puntos limpos móbiles (ganchos, guindastres, etc.)

3º Adquisición de básculas para pesada dos residuos recollidos.

4º. Adquisición de ferramentas informáticas (incluído software) para o seguimento da rastrexabilidade dos residuos recollidos.

5º. Adquisición de elementos de información no propio punto limpo móbil sobre as condicións de entrega adecuada dos residuos, tales como carteis, paneis ou sinalización (máximo 1.000 €).

6º. Formación para o persoal do punto limpo móbil en materia de preparación para a reutilización con obxecto de seleccionar adecuadamente aqueles residuos susceptibles de ser preparados para a reutilización.

d) Liña 4: proxectos de construción e mellora de instalacións de preparación para a reutilización e/ou autorreparación de residuos domésticos recollidos separadamente (RAEE, téxtiles, etc.), así como de ampliación de instalacións para incluír novas liñas de preparación para a reutilización e a autorreparación de residuos recollidos separadamente (RAEE, téxtiles, etc.) coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, co que se prevén a xeración de residuos domésticos e a eliminación.

Esta liña ten como obxecto actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes...), coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, co que se prevén a xeración de residuos domésticos e a eliminación, así como actuacións de preparación para a reutilización de residuos domésticos recollidos separadamente (RAEE, téxtiles, etc.), coa finalidade tamén de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, co que se prevén a xeración de residuos domésticos e a eliminación.

Ao abeiro desta liña serán subvencionables as actuacións que se citan a seguir:

1º. A construción ou mellora da instalación dedicada á preparación para a reutilización ou autorreparación, incluíndo zona de almacenaxe e superficie destinada á venda dos produtos recuperados, se é o caso. O financiamento limitarase aos conceptos mínimos para un adecuado funcionamento da instalación e o proxecto cumprirá con todos os requisitos que a normativa sectorial lles poida impor a estas instalacións. Non se inclúen instalacións auxiliares, como oficinas ou almacéns para maquinaria.

2º. Os elementos de almacenamento adecuado, tanto para os residuos recibidos como para os produtos recuperados, como gaiolas, andeis ou armarios.

3º. A maquinaria e ferramentas necesarias para desenvolver os traballos de preparación para a reutilización e/ou autorreparación. Non se inclúe neste concepto material funxible ou outro tipo de maquinaria e ferramentas que non sexan necesarias para o desenvolvemento da actividade.

4º. Formación para os traballadores da instalación.

5º. Campaña de comunicación, unha vez terminada a instalación e dirixida a concienciar a poboación próxima da entrega de residuos para a súa preparación para a reutilización.

6º. A adquisición de software e hardware para o control e a rastrexabilidade tanto dos residuos recibidos e xerados como dos produtos recuperados.

7º. Servizos complementarios á execución da obra, tales como honorarios de redacción de proxecto, dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde.

e) Liña 5: actuacións destinadas á implementación de melloras nas instalacións de tratamento existentes para incrementar a súa eficacia na recuperación de materiais contidos nos residuos municipais que se recollan de forma mesturada, de maneira que poidan contribuír a acadar dos obxectivos comunitarios de preparación para a reutilización e reciclaxe, así como ao de redución dos residuos municipais destinados ao seu depósito en vertedoiro.

Ao abeiro desta liña serán subvencionables as actuacións que se citan a seguir:

1º. Separadores ópticos.

2º. Separadores balísticos.

3º. Separadores de metais férricos e non férricos (p.e., separadores magnéticos, separadores de correntes de Foucault, etc.)

4º. Calquera outro método de separación distinto dos enumerados anteriormente que contribúa significativamente a incrementar a eficacia de recuperación de materiais susceptibles de seren reciclados.

5º. Sistemas de tratamento da fracción orgánica separada da fracción resto para o seu aproveitamento enerxético posterior.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 711103): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda).

 

 

Descargas: