Axudas para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal (PRTR). Prazo Liña I e Liña II: 23-02-2024 // Prazo Liña III: 15-03-2024

Data: 

sábado, 13 Xaneiro, 2024 (Todo o día) a venres, 23 Febreiro, 2024 (Todo o día)

 

Consellería do Medio Rural

Orde do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR608D, MR608E e MR608F).

BDNS (Identif.): 738503.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal, en réxime de concorrencia competitiva, e se convocan para o ano 2024, a través de tres liñas de axuda.

Para a liña I: o obxecto desta orde é establecer as bases que regulan as axudas para a organización de accións de divulgación que impulsen o coñecemento e poñan en valor a importancia estratéxica das agrupacións forestais de xestión conxunta (en diante, AFXC) (código de procedemento MR608D).

Para a liña II: o obxecto desta orde é establecer as bases que regulan as axudas para o apoio ás asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais (código de procedemento MR608E).

Para a liña III: tamén é obxecto desta orde establecer as bases das axudas para a creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta (código de procedemento MR608F). Esta liña estrutúrase en dúas subliñas:

• Subliña III-A: axudas para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil, que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal.

• Subliña III-B: axudas para o apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta xa creadas e inscritas no correspondente rexistro, co fin de dar o necesario soporte de carácter loxístico, operativo e integral que precisan.

2. Estas axudas ampáranse nas actuacións incluídas no investimento 4 (I4): xestión forestal sustentable, do compoñente 4 (C4), conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e da súa biodiversidade, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, e contribuirán ao cumprimento dos obxectivos asociados a ela, de acordo coa normativa reguladora do Mecanismo de recuperación e resiliencia e do Plan de recuperación a nivel europeo e nacional.

3. As actuacións subvencionadas atenderán ao principio de «non causar dano significativo» a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

Beneficiarias

  • LIÑA I (MR608D): Poderán ser entidades beneficiarias de esta liña de axudas sempre que, con anterioridade á publicación desta orde, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela as asociacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro con base asociativa e que sexan representativas ou estean relacionadas coa propiedade forestal, así como as comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común.
  • LIÑA II (MR608E): Poderán ser entidades beneficiarias desta liña de axudas as asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais sempre que, con anterioridade á publicación desta orde, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela.
  • LIÑA III (MR608F): 

    1. Serán entidades beneficiarias da subliña III-A (axudas para creación de AFXC):

    a) Asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, sempre que estean compostas por persoas titulares dos indicados dereitos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

    b) Sociedades civís e comunidades de bens.

    c) Cooperativas e outras entidades de economía social.

    d) Sociedades agrarias de transformación.

    e) Sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital.

    f) Sociedades de fomento forestal.

    g) Calquera outra entidade que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.

    que desexen inscribirse como unha AFXC sempre que, unha vez completados os traballos para os cales se solicita a subvención, cedesen ao seu favor a xestión dun mínimo de 10 ha de terreos forestais situados dentro dun determinado perímetro de xestión conxunta que pertenzan a un número mínimo de 3 propietarios diferentes.

    2. Serán entidades beneficiarias da subliña III-B todas aquelas agrupacións forestais de xestión conxunta inscritas no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta establecido no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, con anterioridade ao remate do prazo de solicitude desta axuda.

Importe

1. As accións previstas nesta orde financiaranse, nos exercicios 2024 e 2025, con cargo ao código de proxecto 14.03.713B.770.0.2023.00238, por un importe de 2.398.931 euros distribuídos do seguinte xeito:

– 1.919.145 euros no ano 2024.

– 479.786 euros no ano 2025.

2. Segundo as liñas de axudas definidas, o crédito distribúese do seguinte xeito:

– Para a liña I, accións de divulgación: asígnase un crédito total de 200.000 euros. Este importe distribúese como segue: 160.000 euros para o ano 2024 e 40.000 euros para o ano 2025.

– Para a liña II, apoio ás asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais: asígnase un crédito total de 400.000 euros. Este importe distribúese como segue: 320.000 euros para o ano 2024 e 80.000 euros para o ano 2025.

– Para a liña III, creación e apoio das AFXC: asígnase un crédito total de 1.798.931 euros. Este importe distribúese como segue: 1.439.145 euros para o ano 2024 e 359.786 euros para o ano 2025.

3. No caso de que, unha vez priorizados os expedientes que cumpran as condicións e criterios establecidos nesta orde, non se consuma a totalidade do importe establecido pola distribución de crédito arriba indicada para cada liña, os importes sobrantes pasarán a financiar as outras liñas, segundo a seguinte prelación: primeiro a liña III, segundo a liña II e, por último, a liña I.

4. Sen prexuízo das contías indicadas anteriormente, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, o órgano concedente publicará esta ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

5. Esta orde tramítase mediante tramitación anticipada de gasto, conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como no establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, polo que a súa eficacia queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

6. As actuacións subvencionables serán financiadas integramente pola Unión Europea a través dos fondos asignados á Xunta de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, mediante o instrumento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, aprobado polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, dentro do compoñente 4 (C4), conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e da súa biodiversidade, investimento 4 (I4): xestión forestal sustentable.

Prazo de presentación de solicitudes

  • LIÑA I (MR608D): O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
  • LIÑA II (MR608E): O prazo de presentación de solicitudes será 30 días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
  • LIÑA III (MR608F): O prazo de presentación de solicitudes será 45 días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 738503): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Subdirección Xeral de Recursos Forestais da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural.

-Nos servizos de montes das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural.

Descargas: