A Fegamp aposta polo labor de xornalistas profesionais nas EELL fronte a “infoxicación” da sociedade

Data: 

martes, 21 Xuño, 2022 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias subscribe o “Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística”, o documento co que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) subliña a necesidade da contratación destes profesionais nos medios e departamentos de comunicación para garantir á cidadanía un servizo público fundamental como é a información veraz.

A Fegamp comparte a corresponsabilidade das Administracións Públicas nesta materia, especialmente no marco da Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, polo que, fronte á contaminación informativa existente nos distintos medios e soportes tecnolóxicos, avoga polos coñecementos académicos e deontolóxicos que os xornalistas adquiren durante a súa formación universitaria. Neste sentido apoia a contratación de titulados e/ou colexiados nos gabinetes de prensa e direccións de comunicación das Administracións, coa finalidade de que estes departamentos cumpran a súa importante función social de xeito óptimo.

O presidente da Federación, Alberto Varela, salienta a necesidade diso “ especialmente nestes tempos de infoxicación onde moitas persoas aproveitan a liberdade de expresión e as posibilidades das tecnoloxías para colar falsas novas, os concellos temos que facer un esforzo maior por difundir información de calidade e utilidade entre á cidadanía, facéndoa máis accesíbel que as mensaxes confusas ou falsas”. Nesa liña, a Federación trasladou aos concellos o manifesto do CPXG e anima a mellorar as políticas de comunicación. No entanto, consciente da limitada infraestrutura e capacidade dos concellos máis pequenos, o gabinete de comunicación da Fegamp presta labores de soporte, especialmente en momentos de gran necesidade informativa ou contido sensible coma durante a pandemia; unha axuda moi demandada e valorada “o que proba o interese do municipalismo pola boa comunicación”.

En liña co obxectivo de acadar unha sociedade ben informada e non manipulable, a Fegamp apoia un proxecto da Universidade de Vigo para avanzar no uso da intelixencia artificial para a verificación de informacións e mensaxes.