Data:
O presidente da FEGAMP vai asistir ao Comité Asesor do PLAN CAMGAL convocado esta tarde, e reclama á Xunta poder ter coñecidos os protocolos que se queren aprobar, así como un mecanismo de coordinación permanente.
Para a FEGAMP os concellos no poden ser sempre os máis prexudicados nestas situacións, e hai que deixar de lado as polémicas.
Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou esta mañá a súa Xunta de Voceiros e Voceiras que dedicou a maior parte da reunión á avaliación da situación creada nos concellos pola marea dos pellets provocada polo buque Toconao.
Deixando de lado as polémicas, para a FEGAMP o importante é que se actúe xa de maneira coordinada. Está a tardarse demasiado en tomar decisións urxentes por parte da Xunta de Galicia para paliar os efectos dos pellets, e nese retraso os concellos volven ser os máis prexudicados ao ter que facer fronte aos pellets nas súas praias sen indicacións oficiais claras nin a axuda necesaria. Polo anterior, a FEGAMP considera urxente que a Xunta de Galicia solicite ao Goberno de España persoal e medios técnicos dabondo para a recollida profesional dos pellets nas praias, que é o que máis se está a demandar polos concellos e, agora mesmo, é o que máis se precisa.
A FEGAMP sempre manifestou a súa predisposición á colaboración coa Xunta de Galicia, e agora ante a gravidade da situación esa posición é aínda máis firme. Ao mesmo tempo, reclámase da Xunta de Galicia a reciprocidade necesaria, así como a consideración para terse recabado dende A Xunta de Galicia as necesidades que desde os concellos afectados se destacaban e o apoio oficial que se demandaba.
Para Alberto Varela, presidente da FEGAMP, “desgraciadamente, perdeuse un tempo valiosísimo en polémicas desde a Xunta de Galicia co Goberno de España que podía terse aproveitado en organizar a recollida de información do que estaba a suceder en cada praia afectada e en intervir sobre as situacións máis urxentes”. E salientou que “unha vez máis, a cidadanía galega amosou o seu compromiso social recollendo polos seus medios os pellets nas praias, cuestión que sería máis efectiva se isto se fixese cos medios técnicos oficiais”.
Durante a xuntanza, o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, confirmou a súa participación esta tarde á reunión do Comité Técnico Asesor do Plan CAMGAL, á que foi convocado onte pola tarde. E ante o anuncio do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, de que nesa reunión se van aprobar sendos protocolos sobre a recollida dos pellets e sobre o labor das persoas voluntarias na recollida, parece lóxico poder ter coñecido con anterioridade polos concellos afectados e pola dirección da FEGAMP os contidos deses protocolos.
Sobre os resultados da reunión desta tarde, Alberto Varela engade que “é preciso que hoxe se articule un mecanismo de coordinación permanente, que non repita os erros do Centro de Coordinación Operativa (CECOP) que se puxo en marcha pola Xunta de Galicia durante os peores efectos da pandemia do covid. Daquela, ten que fluír a información cara aos concellos afectados e que as decisións se adopten contando coas achegas dos concellos, e dos organismos e organizacións que o integren”.