Fegamp e Ministerio de Política Territorial abordan as necesidades do municipalismo galego

Data: 

xoves, 13 Maio, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias introduce as dificultades específicas da xestión local galega na axenda do Ministerio de Política Territorial. No marco dunha reunión coa titular da Secretaría Xeral de Coordinación Territorial, Myriam Álvarez, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, subliñou que é imprescindible a inclusión de criterios como “dispersión e idade poboacional, superficie, entidades singulares, etc”, factores que lastran considerablemente a economía dos concellos galegos.

Entre a batería de medidas suxeridas pola Fegamp está a reforma do sistema de financiamento local a través da participación dos ingresos do Estado (PIE) ”de xeito que, entre outras, se permita aos concellos participar en impostos recadados polo Estado aos que ata o de agora non podemos acceder” e a avaliación dos criterios de esforzo fiscal e inverso da capacidade tributaria polas fallas que presentan relacionadas, por exemplo, coas revisións catastrais.

Alberto Varela destaca o interese amosado dende o Ministerio respecto a estes e outros aspectos abordados como a petición do 15% dos fondos europeos de reconstrución para os concellos, a devolución do IVE pendente de 2017 (case 60 millóns para os concellos galegos) e o incumprimento no financiamento do SAF, servizo mantido ao 40% polos concellos fronte a aportación do 60% acadado entre o Goberno do Estado, as Comunidades Autónomas e os usuarios, cuestións económicas que a Fegamp abordará tamén cos Ministerios con competencias nas distintas materias.