A Fegamp fomentará políticas inclusivas para persoas xordas

Data: 

luns, 14 Xuño, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias impulsará políticas para tombar as barreiras comunicativas das persoas xordas e facilitar a súa interacción nos concellos.

Coincidindo co Día Nacional das Linguas de Signos españolas, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, reuniuse co presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Iker Sertucha, para recadar de primeira man as necesidades deste colectivo e buscar fórmulas dende o eido local para facilitar a súa integración.

Como primeira medida, Varela comprometeuse a impulsar un novo convenio que fomente a colaboración entre os concellos e as distintas asociacións que forman parte da FAXPG e levar a cabo campañas de visibilización e concienciación porque “ temos que dar un paso máis”, xa que “non se pode pensar soamente en barreiras arquitectónicas, temos que ter en conta tamén outras barreiras invisibles”  que dificultan o día a día das persoas xordas.

A Fegamp contemplará todo tipo de ferramentas e fórmulas, incluídas a colaboración entre administracións para que as 28.000 persoas con discapacidade auditiva de Galicia dispoñan de información e posibilidade de comunicación en calquera dos 313 concellos,  independentemente de que vivan nunha grande cidade ou en concellos máis pequenos.

A semana pasada a Fegamp fixo un chamamento aos concellos para alumar os seus edificios e monumentos máis representantivos en color azul turquesa, así como a sumarse ás iniciativas en redes sociais, ás que o propio Alberto Varela se sumou lanzando unha mensaxe en lingua de signos xunto a Iker Sertucha na campaña #YoconlaLS e #EucoaLS. Varela agradeceu así mesmo ao presidente da FAXGP que celebrara co municipalismo a xornada nacional dedicada á súa linguaxe.