FEGAMP participa en Mérida no encontro de seguimento do proxecto Rede de Experiencias Turísticas baseadas na Tradición Rural RETTURN

Data: 

xoves, 22 Xuño, 2023 (Todo o día) a venres, 23 Xuño, 2023 (Todo o día)
  • O encontro terá lugar os próximos días 22 e 23 de xuño no Hotel Mérida Palace e contará coa participación de representantes das federacións de municipios de Andalucía, Aragón, Canarias, Extremadura, Galicia e a Comunidade Valenciana porán en común os avances nos seus respectivos proxectos
  • En Galicia a Rede RETTURN busca recuperar o patrimonio inmaterial como proposta para combater o despoboamento no ámbito territorial do Grupo de Desenvolvemento Rural “Montes e Vales Orientais”, na provincia de Lugo

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2023. A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) vai participar durante os próximos días 22 e 23 de xuño no encontro das seis federacións de municipios implicadas no proxecto para avanzar na construción da Rede RETTURN e impulsar o turismo baseado na recuperación de tradicións na contorna rural.

Un espazo para o encontro

Representantes dos equipos técnicos da Federación Andaluza de Municipios e Provincias (FAMP), a Federación Aragonesa de Municipios, Comarcas e Provincias (FAMCP), a Federación Canaria de Municipios (FECAM), a Federación de Municipios e Provincias de Extremadura (FEMPEX), a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Federació Valenciana de Municipis i Províncies (FVMP) reuniranse para pór en común os avances realizados até a data nos seus respectivos proxectos, identificando boas practicas para o traballo con axentes do territorio. Traballarán, ademais, na posta en marcha dun plan de comunicación para a difusión da Rede RETTURN e a creación de experiencias turísticas para recuperar as tradicións en perigo de extinción como reclamo turístico para a contorna rural.

Pola súa banda, representantes dos equipos políticos das federacións aproveitarán para avanzar a formulación de novos proxectos no marco da colaboración entre federacións, como o desenvolvemento dunha ampliación para a Rede RETTURN incluíndo novas federacións de municipios, a creación dun MOOC Rural 2030 e a formulación dunha rede local para a innovación pública, a cohesión social e territorial e a igualdade de oportunidades polo reto demográfico.

Unha rede para recuperar o patrimonio inmaterial da contorna rural

A Rede RETTURN ten como obxectivo a recuperación do patrimonio inmaterial para dar resposta ao despoboamento das zonas rurais. Mediante a creación de experiencias turísticas baseadas en tradicións locais ligadas á contorna rural, busca pór este patrimonio cultural e recuperar o rural como foco de atracción turística. En Galicia o proxecto desenvólvese no ámbito territorial do Grupo de Desenvolvemento Rural “Montes e Vales Orientais”, na provincia de Lugo.

O proxecto está financiado cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, provenientes do programa Next Generation da Unión Europea.