A FEGAMP traslada á Xunta a necesidade de completar o protocolo para o desenvolvemento da xornada electoral

Data: 

venres, 29 Maio, 2020 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias levou esta mañá á Xunta unha valoración sobre o borrador de Protocolo elaborado polo goberno autonómico para a celebración das eleccións ao Parlamento Galego o vindeiro 12 de xullo, na que ademáis das suxestións, insiste na preocupación dos concellos pola dificultade que presenta a organización destes comicios pola COVID-19. 

A Fegamp recibiu o borrador do texto o mércores no serán, despois dunha reunión por videoconferencia cos representantes da Xunta á que os máximos responsables da Federación foron convocados para ser informados. Tanto o presidente da Fegamp, Alberto Varela, como o vicepresidente segundo, Secundino García, sinalaron a necesidade de dispor do documento para a súa avaliación.

Observadas as liñas xerais de actuación propostas pola Xunta, os concellos consideran, dende a súa responsabilidade como axentes directos e imprescindibles na loxística e desenvolvemento da xornada electoral, que é necesario dar resposta a diversas cuestións como a organización dos colexios electorais instalados nos comicios anteriores en centros residenciais de persoas maiores.

Así mesmo, os concellos ven con preocupación os sobrecustos que das diferentes medidas a adoptar por mor da COVID-19, solicitando que a administración convocante, neste caso a Xunta de Galicia, debe asumir todos os gastos e non só os derivados da desinfección e limpeza dos locais electorais.

A Fegamp solicita á Xunta que o equipo de coordinadores electorais anunciado no protocolo comece a traballar o antes posible cos concellos e suxire a conveniencia de que participen outros axentes involucrados no proceso electoral como a Xunta Electoral- no referido as modificacións das cabinas ou conformación das mesas- e os partidos políticos, en tanto que responsables da presencia de interventores e apoderados.

Se ben a responsabilidade de asegurar á cidadanía as garantías democráticas e sanitarias á hora de exercer o seu dereito ao voto corresponde á Xunta de Galicia, a Fegamp considera que a complexidade da situación require unha análise con máis tempo e coa participación dos concellos que fructifique nun documento realmente consensuado.