A FEGAMP vai formar máis de mil setecentos profesionais das administracións locais galegas durante 2024

Data: 

mércores, 24 Abril, 2024 (Todo o día)
  • O Plan de Formación Continua 2024 da FEGAMP comeza hoxe o seu período de inscrición
  • A aplicación da Intelixencia Artificial na xestión local e as competencias locais na nova Lei de benestar animal, entre as novidades dos cursos do Plan da FEGAMP

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024.- Hoxe comeza o período de inscrición para optar aos cursos do Plan de Formación 2024 da Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP) que nesta edición ten previsto formar a mil setecentos catorce empregados e empregadas das administracións locais. Este período de inscrición rematará o vindeiro 30 de abril.

O Plan componse de trinta e nove  cursos en modalidade presencial, en liña e en tele presenza,  cun total de mil setecentas catorce prazas ofertadas a persoal das administracións locais galegas (concellos, deputacións, consorcios e mancomunidades).

Entre os contidos dos cursos atópanse materias como a aplicación práctica da Intelixencia Artificial na xestión pública local; as competencias municipais en relación á nova Lei de protección dos dereitos e do benestar dos animais; os retos e oportunidades do “compliance” na contratación pública local, e as novidades no urbanismo actual na comunidade autónoma de Galicia, entre os case corenta contidos distintos. Se pode acceder a toda a información para a inscrición e sobre os contidos dos cursos na web da FEGAMP.

A oferta formativa da FEGAMP é moi ben recibida polo persoal das administracións locais, cubríndose todas as prazas. Na edición de 2023 cubríronse todas as prazas antes de rematar o período de inscrición, recibíndose un 50% máis das prazas ofertadas.

Cos trinta e nove cursos deste plan, a FEGAMP sumaría 559  cursos realizados dende 2008, que tamén sumarían preto de vinte mil participantes, o que amosa o compromiso real da FEGAMP na mellora da capacidade profesional do persoal dos concellos, deputacións, mancomunidades e consorcios.