Os concellos pequenos poderán ofrecer e mellorar os coidados aos maiores cos Fondos Europeos

Data: 

martes, 1 Marzo, 2022 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias asina coa Consellería de Política social o convenio marco para transformar a rede de coidados de larga duración mediante a construción, adquisición, reforma e modernización de equipamentos sociais públicos municipais.

O presente convenio permitirá repartir (entre 2022 e 2023) 18.520.000 do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia para mellorar a rede de residencias, centros de día, vivendas comunitarias ou centros sociais prioritariamente en concellos de menos de 20.000 habitantes. O obxectivo é que os galegos e galegas poidan recibir coidados de longa duración no seu entorno.

Os concellos aportarán os terreos e terán que demostrar a viabilidade técnica e económica do proxecto, xa que as contías das axudas son limitadas (por exemplo: 1.200.000 euros para a construción dunha residencia, 400.000 no caso dun centro social, 600.000 euros para as reformas dos centros de día ou 250.000 en melloras de centro sociais) e as entidades locais correrán co resto dos custos e o mantemento de servizo.

Fegamp e Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar traballarán agora para avaliar os proxectos e tramitar o máis axilmente posible o reparto das axudas, xa que como sinalou o presidente da Federación, Alberto Varela, “hoxe asinamos algo importante para a atención dos nosos maiores, e temos que lembrar que en Galicia hai 290 concellos de menos habitantes nos que viven máis de un millón de galegos e galegas e que hai moita poboación de idade avanzada que necesitan eses coidados. O servizo máis demandado é o SAF, pero non podemos esquecer que se precisan outros coidados”.  Varela agradeceu á Consellería de  Política Social a súa colaboración porque “é o que temos que facer as administracións, colaborar para mellorar a vida dos cidadáns”.