Os concellos urxen unha comisión de coordinación e seguimento da pandemia ante unha desescalada tras meses de duras restricións

Data: 

venres, 19 Febreiro, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias reitera a necesidade de que a Xunta se coordine cos concellos na loita contra o coronavirus. En tanto que na reunión da Comisión Galega de Cooperación Local a Xunta solicitou a colaboración do municipalismo na próxima desescalada, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, trasladou a preocupación dos concellos ao non dispor información concreta respecto a cando, como e onde comezará. Varela garantiu que o municipalismo “arrimará o ombreiro coma sempre en todo o que sexa posible”, pero salientou o esgotamento dos concellos “tras meses de sobre esforzo sostido”, polo que “as forzas e corpos de seguridade deberían apoiar a todas as policías locais e non só aos concellos de menos de 20.000 habitantes que non dispoñan de corpo policial”.
A Fegamp valora positivamente a previsible colaboración das tres administracións, e solicita a creación dunha comisión de seguimento da pandemia, xa que dende que rematara o estado de alarma en maio de 2020, a Xunta non convocou ningunha reunión do CECOP. Así mesmo Varela incidiu na necesidade de contar con información con antelación, xa que coñecer os detalles concretos dos plans e medidas no momento da súa publicación no DOG, ás veces minutos antes da súa entrada en vigor, non permite aos
concellos prepararse e ter a máxima capacidade de reacción posible cara á chegada do bo tempo e as vacacións da Semana Santa.
Varela requiriu unha vez máis que “os concellos teñan participación activa na toma de decisións que afecten á administración local” en tanto que o Goberno autonómico é coñecedor dos datos epidemiolóxicos e sanitarios pero non das posibilidades e medios dos concellos para a aplicación dos plans. Nesta liña pero no eido dos convenios de colaboración actuais entre Xunta e Fegamp, Varela pediu mellorar o traballo conxunto en tanto que nas últimas tramitacións conxuntas no se deixou marxe para as aportacións ou achegas do municipalismo.
Alberto Varela confía que a auditoría de competencias comprometida pola Xunta de Galicia axudará a reformular o Pacto Local de 2005 e adaptalo á realidade actual, pero urxiu ao cumprimento do xa acordado, especialmente nas materias competencia da Xunta de Galicia como sanidade ou educación, eido este último, no que o goberno autonómico comprometérase a asumir os custos de mantemento dos centros e non houbo avances dende 2009.