Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias e o goberno galego ratificaron hoxe o protocolo de colaboración para que a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) poida realizar as probas selectivas para os corpos da Policía Local. O acordo foi asinado polo presidente da Fegamp, Alfredo L. García, e o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda. En canto estea listo o desenvolvemento regulamentario, cun prazo máximo de 6 meses segundo o compromiso do executivo autonómico, os concellos que o desexen poderán delegar na AGASP a realización das probas.
O presidente, Alfredo García, explicou que a Fegamp demandou este acordo: “Cubrir as vacantes da policía supón para moitos concellos, sobre todo os pequenos, un labor complexo que bloquea traballo diario da Secretaría. Os municipios que desexen poden delegar na AGASP para que se encargue de todo o proceso, desde as probas selectivas ata a formación”. A día de hoxe a Academia Galega de Seguridade Pública, con sede na Estrada (Pontevedra), encárgase de formar a aqueles/as axentes que xa acadaron praza nos procesos particulares impulsados por cada concello.
Segundo os datos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a día de hoxe hai en Galicia arredor de 3.000 efectivos de Policía Local, repartidos en 130 concellos. Pendente de desenvolver o regulamento, o acordo contemplaría a opción de crear unha bolsa de traballo para que, os/as aspirantes que aproben pero non consigan praza, poidan acceder a contratos de baixas e/ou prexubilacións. Cada concello asinará o convenio de xeito voluntario, e os que prefiran seguir encargándose do proceso selectivo poderán facelo, para que – segundo Alfredo García – “a autonomía local quede garantida”.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
npacordoprobaspolicialocal.pdf | 98.74 KB |