Os trescentos trece concellos galegos asumen a necesidade de avanzar cara a unha representación paritaria de mulleres e homes nas corporacións locais

Data: 

martes, 27 Febreiro, 2024 (Todo o día)

A FEGAMP celebra a xornada “Pioneiros. Políticas de Igualdade nos concellos galegos. Concellos galegos na vangarda das políticas de Igualdade” cunha importantísima asistencia e representación institucional dos concellos galegos, da Xunta de Galicia e do Goberno de España

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou hoxe na súa sede a xornada “Pioneiros. Políticas de Igualdade nos concellos galegos. Concellos galegos na vangarda das políticas de Igualdade”, que englóbase dentro das súas accións programadas en conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres.

A xornada contou cunha importantísima asistencia e representación institucional dos concellos galegos, da Xunta de Galicia e do Goberno de España. Boa mostra disto foi a mesa inaugural da xornada que contó coas intervencións da secretaria de Estado de Igualdade e erradicación da violencia contra as mulleres, Aina Calvo, e a conselleira de Promoción do emprego e Igualdade, Elena Rivo, ademáis do presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela.

Nas súas intervencións ambas responsables achegaron as principais liñas de actuación en políticas de igualdade que ambas institucións están a desenvolver, agradecendo a colaboración entre administracións e coincidindo na importancia desta xornada e do labor dos concellos nas políticas de igualdade.

Pola súa banda, o presidente da FEGAMP sinalou que “a conmemoración anual do 8 de marzo como Día Internacional das Mulleres é unha das accións máis importantes que cada ano desenvolven os concellos galegos”, e lembrou que os concellos galegos aprobaron na pasada Asemblea da FEGAMP unha resolución que para “manter o compromiso dende as Entidades Locais para continuar coa campaña Polo Bo Trato para integrar a perspectiva de xénero nas decisións, traballar na prevención da violencia machista e promoción dos valores de igualdade” ademais de promover “unha representación equilibrada de mulleres e homes en todos os ámbitos de actuación municipal”.

Alberto Varela presentou os avances conseguidos, aínda non suficientes, nos concellos galegos, como é “ter pasado nestes últimos vinte anos de dezaoito alcaldesas no ano 2003 a setenta e unha alcaldesas no ano 2023” e “no caso das concelleiras a porcentaxe ascende ao 42,08%, cando hai 20 anos estaba no 20,66%, pasando de 789 a 1426 concelleiras”. Todo o anterior tamén se traduce en que “preto de 880.000 galegos e galegas teñen unha muller como alcaldesa, o que representa un 32,6% sobre o total da poboación, e 5,1% puntos porcentuais máis respecto ao mandato anterior” confirmou o presidente.

Alberto Varela tamén se detivo en salientar a declaración institucional aprobada recentemente pola Comisión Executiva da FEGAMP en conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, e como “dende cada un dous trescentos trece concellos galegos asúmese a necesidade de avanzar cara a unha representación paritaria de mulleres e homes nesas corporacións locais” promovendo “a participación activa das mulleres na vida política e social local, mediante accións de sensibilización, capacitación e fomento do liderado feminino que permitan acadar a paridade nas corporacións e nas alcaldías”.

O presidente da FEGAMP rematou a súa intervención apelando á vocación do municipalismo galego para “seguir á vangarda das políticas de igualdade”.

Os traballos da xornada contaron con varias mesas con intervencións dende varios enfoques institucionais, como foi na que interviron as ex secretarias de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella e Carme Adán, e a ex secretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara,

Despois, tomaron a palabra as alcadesas galegas en dúas mesas na que presentaron cómo están a traballar as políticas de igualdade dende os seus concellos, tendo conta o tamaño do concelló así como a súa situación geográfica e demográfica. Nesas mesas interviñeron as alcaldesas Dolores Castiñeira (Salceda de Caselas), Patricia Domínguez (A Pobra de Trives), Dolores Castro (Folgoso do Courel), Alejandra Pérez (Bergondo), Sandra González (Tomiño), ademáis das concelleiras Ana Abelleira (Lugo) e Emilia Trillo (Cee).

A xornada rematou coa intervención da vicepresidenta executiva e alcaldesa de Betanzos, María Barral, que salientou que ela é a primeira e única vicepresidenta que tivo a FEGAMP e que iso ten que corrixirse, e relatou as principais cuestións achegadas nas intervencións. A vicepresidenta emprazou ás asistentes a seguir traballando para seguir avanzando en igualdade nos concellos “rompendo teitos de cristal” dende a implicación das mulleres e de toda a cidadanía galega.

Xornada "Pioneiros. Políticas de igualdade nos concellos galegos..."