Data:
Para a FEGAMP esta ampliación de prazos debería manterse para a próxima convocatoria de 2024
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023.- A Xunta de Galicia publicou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) a ampliación ata o 30 de novembro do prazo para xustificar polos concellos de menos de 15.000 habitantes os proxectos financiados polo fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, regulados na Orde do 9 de febreiro de 2023.
Esta ampliación foi solicitada o pasado 6 de xullo de 2023 pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) a través de unha carta dirixida a Diego Calvo, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, despois de que fose acordada na Xunta de Voceiros e Voceiras extraordinaria celebrada o 30 de xuño de 2023.
A FEGAMP saúda a decisión do goberno da Xunta de Galicia e agradecería ter recibida contestación á carta enviada coa información relativa á ampliación de prazo. Desta maneira, desde a FEGAMP haberíase informado directamente aos concellos afectados, facilitándolles así a xestión deses proxectos financiados.
Desde a FEGAMP considérase oportuno que de cara á futura convocatoria de 2024 estes prazos ampliados se manteñan, e que se coiden os prazos de resolución previos, para evitar que entre resolución e xustificación apenas medien poucos meses dos doce que hai xustificar.