PLAN MARCO DE MELLORA DE CAMIÑOS MUNICIPAIS DE ACCESO A PARCELAS AGRÍCOLAS 2020-2021. PRAZO: 10-03-2020

Data: 

martes, 11 Febreiro, 2020 (Todo o día) a martes, 10 Marzo, 2020 (Todo o día)

 

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural 

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2019 pola que se aproba o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MR701E). BDNS (Identif.): 494655.

Obxecto

Este plan marco ten por obxecto regular a xestión do procedemento para a concesión das axudas que se concedan para mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.

Para os efectos deste plan, terán a consideración de parcelas agrícolas:

– Todas aquelas parcelas en que máis do 50 % da súa superficie estea clasificada como de uso agrícola, entendendo como tales: terras de cultivo (terras arables, horta e invernadoiros), cultivos permanentes (viñedos, froiteiras, oliveiras…) e pasteiros (excluídos pastos arbustivos e arboredos).

– Parcelas en que se localice unha instalación agrogandeira.

– Parcelas incluídas na solicitude de axuda para os pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (SIXC) do ano 2019.

As axudas consistirán en subvencións directas de capital. O procedemento tramitarase en réxime de concesión directa, ao abeiro do artigo 19.4.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 36.1.c) e 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR701E.

Beneficiarios

Todos os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

– Ter remitidas ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigados antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

– Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito comprobarase con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 17 deste plan marco.

Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Actuacións subvencionables

1. Son subvencionables as actuacións de ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais nos seguintes termos:

a) Ampliación: as que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruzamento de vehículos ou alargamentos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Tamén poderán incluír obras de incremento de lonxitude sempre e cando esta ampliación supoña rematar nunha estrada ou noutro camiño.

b) Mellora: as que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan. Terán tamén esta consideración as obras de mellora da drenaxe, da seguranza viaria, reforzo de noiros (con muros ou outras estruturas de contención), adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de cunetas, así como a integración ambiental ou a mellora da sinalización.

c) Mantemento: tanto do firme existente como das súas marxes (limpeza e perfilado de noiros e cunetas), reforzo dos terrapléns.

2. Para os efectos deste plan marco, enténdese por camiño municipal de acceso a parcelas agrícolas aquel camiño que cumpra as seguintes condicións:

– Que sexa de titularidade municipal.

– Que facilite o acceso, en calquera punto do seu trazado, cando menos a dúas parcelas agrícolas.

3. Todos os proxectos que se presenten deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non estar iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.

Verificarase o cumprimento deste requisito mediante a realización dunha acta de non inicio durante a fase de revisión da solicitude de axuda. Se o solicitante desexa iniciar a execución do proxecto antes da realización da citada comprobación, deberá achegar unha acta notarial que reflicta fidedignamente o non inicio da obra.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia, exceptuando as parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á Clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). Na páxina web da Agader pode consultarse a relación de parroquias clasificadas como ZDP.

c) Que as actuacións propostas incidan sobre camiños de titularidade municipal.

d) Que se axusten á normativa sectorial (estatal, autonómica e local) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

e) Que sexan viables tecnicamente.

f) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se concedeu a axuda.

4. As actuacións deberán axustarse ás seguintes regras e requisitos:

a) Deberán integrarse nun único proxecto de obra, en que se recolla:

1º. Identificación do seu obxecto e xustificación da necesidade das actuacións propostas. Non se admitirán actuacións que propoñan o cambio a unha capa de rodaxe distinta da existente no camiño, agás nos casos en que estea debidamente xustificada a súa necesidade por ser unha vía de acceso a edificacións e instalacións agrícolas.

2º. Informe fotográfico descritivo da situación actual dos camiños onde se pretende actuar.

3º. No caso de actuacións que rematen no límite do territorio municipal, deberá acreditarse a continuidade en termos de material e estado da capa de rodaxe no tramo do camiño que discorre polo concello limítrofe.

4º. Arquivo electrónico (.kml) cos trazados dos camiños, conforme as instrucións que estarán dispoñibles na páxina web de Agader (agader.xunta.gal).

5º. Planos de localización e de detalle necesarios, con indicación do trazado exacto das actuacións, da súa lonxitude e largura e dos puntos de inicio e final debidamente xeorreferenciados, así como da localización das parcelas agrícolas a que dan acceso.

6º. Xustificación dos prezos das unidades de obra.

7º. Medicións e orzamento desagregado por actuacións (excluído IVE).

Os custos do control de calidade non se deberán integrar no orzamento do proxecto. En caso contrario, non se considerará un gasto subvencionable, nos termos previstos no artigo 5.1.b) destas normas.

b) O número máximo de actuacións será de catro por proxecto. Para estes efectos, enténdese por actuación a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física.

c) As unidades de obra utilizadas nos proxectos terán que axustarse na súa totalidade á estrutura e descomposición das tarifas Seaga vixentes, que estarán publicadas na ligazón http://www.epseaga.com/?q=gl/node/8 e na páxina web da Agader agader.xunta.gal en formato .bc3.

As unidades de obra manterán todos os elementos unitarios que a conforman nas tarifas Seaga (man de obra, materiais, maquinaria, medios auxiliares), tendo en conta que:

– Non se poden modificar as cantidades necesarias nin os rendementos dos elementos que compoñen a unidade de obra.

– Soamente se poderán modificar os prezos dos elementos unitarios referidos anteriormente, sempre e cando o prezo da unidade de obra non supere o das citadas tarifas.

Todas as unidades de obra que non respecten o establecido nos parágrafos anteriores serán consideradas como non subvencionables.

d) Non se admitirán actuacións consistentes unicamente no arranxo de fochancas.

As actuacións que consistan en arranxo de fochancas deberán incluír necesariamente tratamentos superficiais cunha lonxitude mínima de 100 metros e abranguer a totalidade da plataforma do camiño.

e) Quedan excluídas as actuacións en rúas e vías interiores dentro dos núcleos de poboación.

f) Unha vez presentada a solicitude de axuda, non se admitirá a inclusión de novas actuacións distintas das previstas inicialmente no proxecto de obra.

g) Non se subvencionará ningún investimento que incida sobre as actuacións subvencionadas nos plans de mellora de camiños de titularidade municipal xestionados pola Agader ou en procesos de reestruturación parcelaria nos últimos 5 anos. Neste caso, excluirase da actuación proposta a parte proporcional do orzamento que incumpra este requisito.

Contía

A contía global da convocatoria é de 11.974.836 €, distribuída en dúas anualidades:

2020: 5.987.418 €.

2021: 5.987.418 €.

Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da submedida 4.3 «Investimentos en infraestruturas destinadas ao desenvolvemento, modernización ou adaptación da agricultura e a silvicultura», do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, nun 7,5 % por fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e nun 17,5 % por fondos propios da Xunta de Galicia.

Prazo

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, dp procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Descargas: