Data:
Comezou a XI Asemblea Xeral da FEGAMP coas intervencións da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e a directora xeral de Administración Pública da Xunta de Galicia, Natalia Prieto
O presidente da FEGAMP, Alberto Varela, presentou a Memoria de Xestión do mandato 2019-2023, marcada pola pandemia do COVID e pola reivindicación de máis financiamento para os concellos galegos
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2023.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) está a celebrar durante toda a xornada de hoxe a súa XI Asemblea Xeral en Santiago de Compostela, na que están a participar de xeito directo o delegado douscentos setenta concellos e as catro deputacións provinciais.
Os traballos da Asemblea están a desenvolverse no Palacio de Congresos e Exposicións con toda normalidade, comezando dende ás 9:00 horas coa acreditación das delegacións e das persoas convidadas.
A Asemblea iniciou o seu labor en plenario coa inauguración na que o presidente da FEGAMP trasladou o saúdo institucional e deu a palabra á alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín. A continuación interveu a directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, Natalia Prieto.
De seguido se continuou coa orde do día, chegando ao punto da Memoria de Xestión 2019-2023, no que Alberto Varela interveu facendo un percorrido polos principais asuntos nos que a FEGAMP traballou neste período.
O presidente da FEGAMP sinalou en relación a como a pandemia do COVID-19 condicionou todo o desenvolvido pola FEGAMP e polos concellos que “fomos quen de aplicar todas as medidas excepcionais decretadas polo Goberno do Estado e polo Goberno autonómico, e fixémolo coa dilixencia que esixía a situación e a costa dos nosos exiguos recursos”.
Alberto Varela lembrou que “os concellos xa soportabamos unha sobrecarga de funcións impropias que facían necesaria unha revisión das competencias e orzamentos, e as medidas motivadas polo COVID-19 viñeron agravar esta situación. En 2021 os concellos galegos tivemos que asumir máis de 600 millóns de gasto na atención de servizos que son competencia da Xunta de Galicia, como os servizos sociais; o fomento do emprego; comercio, turismo e pemes; educación ou sanidade”.
Na súa intervención tamén salientou que “os concellos galegos, dende esta federación, temos reivindicado neste período o cumprimento do Pacto Local, asinado en 2006, reforzando a coordinación das administracións dende a definición competencial e o seu financiamento óptimo regulado por lei. Merecemos o recoñecemento da autonomía e a capacidade de intervención e que garanta os seus recursos, para poder seguir sendo a administración máis próxima para a cidadanía galega.”
A continuación, o plenario da Asemblea continuou dando paso ao final de sesión ao traballo en comisións sobre os relatorios e as emendas presentadas.
Pola tarde, as 16:00 horas rematará o prazo para a presentación das candidaturas aos órganos da FEGAMP. E as 16:30 horas, se iniciará a sesión de tarde no plenario co debate e aprobación das resolucións propostas nos relatorios e a votación para a elección dos órganos da FEGAMP.
O remate dos traballos da Asemblea será coa clausura, que se estima que se celebre pasadas as 17:30 horas, e na que intervirá o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Diego Calvo e o presidente ou presidenta electa da FEGAMP.