Data:
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
ORDEN do 19 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención destinada a concellos de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. BDNS (Identif.):328026.
Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras da concesión dunha subvención anual aos concellos de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego e en formato físico, con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. Os fondos bibliográficos deberán ser editados no período comprendido entre o 1 de setembro de 2016, e o 29 de setembro de 2017.
A súa finalidade é de interese público: o fomento e a edición de libros publicados en galego, así como a promoción da lectura e a mellora das coleccións e dos servizos bibliotecarios, por ser a Rede de bibliotecas públicas a destinataria dos exemplares.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios desta subvención todos os concellos de Galicia que:
a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.
b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
c) Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Requisitos de participación
As bibliotecas públicas municipais receptoras dos fondos bibliográficos deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar integrada na Rede de bibliotecas de Galicia ou ter solicitado a súa integración (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas).
b) Ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais.
c) Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2015 e remitida á Secretaría Xeral de Cultura.
d) Ter informatizada a súa xestión.
Axudas
A contía do importe dos fondos bibliográficos a que poderá acceder cada beneficiario determinarase en función do número de habitantes de cada concello solicitante, segundo as cifras oficiais de poboación correspondentes ao ano 2015 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:
– Menos de 2.000 habitantes: recibirán libros por un importe máximo de 500 €.
– De 2.001 a 5.000: recibirán libros por un importe máximo de 1.000 €.
– De 5.001 a 10.000: recibirán libros por un importe máximo de 1.500 €.
– De 10.001 a 20.000: recibirán libros por un importe máximo de 2.000 €.
– De 20.001 a 30.000: recibirán libros por un importe máximo de 2.500 €.
– De 30.001 a 50.000 recibirán libros por un importe máximo de 3.000 €.
– Máis de 50.001 recibirán libros por un importe máximo de 3.500 €.
O cálculo do bono co importe máximo en libros que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total de crédito orzamentario dispoñible para a adquisición dos fondos sobre o total de subvención que se vai conceder segundo a táboa anterior (sumatorio do número de concellos por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A devandita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.
Non obstante, poderanse superar as cantidades máximas a que se refire este artigo se unha vez repartido o crédito inicial existisen remanentes. Neste caso, o órgano instrutor poderá distribuír proporcionalmente a cantidade dispoñible entre as solicitudes correctamente recibidas que non alcanzasen o importe máximo da axuda. Se nesa repartición todos os solicitantes acadaran esa contía máxima a que se refire o parágrafo primeiro deste artigo, a cantidade restante ratearase entre todos os beneficiarios.
Estas subvencións asignadas a cada concello son compatibles con outras axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para a dotación das súas coleccións bibliográficas e documentais.
Prazo
Os concellos que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude (anexo I) no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
DOG Nº. 4 | 720.62 KB |
DOG Nº. 4 - EXTRACTO | 435.24 KB |