Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas. Prazo: 01-04-2024

Data: 

xoves, 29 Febreiro, 2024 (Todo o día) a luns, 1 Abril, 2024 (Todo o día)

 

Axencia de Turismo de Galicia 

Resolución do 15 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TU503D).

BDNS (Identif.): 745251.

Obxecto e réxime

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos en concellos de ata 10.000 habitantes cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, os concellos de Galicia de ata 10.000 habitantes, segundo as cifras de poboación acordes co establecido no Real decreto 1085/2023, do 5 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2023.

Importe

As subvencións obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2015 00005, por un crédito de 2.000.000 €, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar a subvención oportuna.

Actuacións subvencionables:

a) Actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos da entidade solicitante, que poderán incluír:

– Recuperación e tratamento paisaxístico da contorna dos recursos turísticos.

– Iluminación ornamental dos recursos turísticos, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente. Non será subvencionable a iluminación urbana da entidade local.

– Recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, rutas de sendeirismo e outros elementos de interese turístico.

– Adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes cuxa finalidade sexa reducir o impacto negativo que estes producen.

b) Actuacións de embelecemento dos recursos turísticos e dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten a súa contorna de protección. Estas últimas poderán consistir en:

– Embelecemento de vías.

– Ocultamento de colectores de residuos que estean no propio recurso turístico ou ben declarado de interese cultural ou na súa contorna de protección.

– Eliminación de cables aéreos e antenas de comunicacións.

c) Actuacións de posta en valor turístico dos recursos, que poderán incluír as seguintes:

– Rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas.

– Recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

d) Actuacións de mellora da accesibilidade dos recursos turísticos:

– Eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas.

– As destinadas a facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos.

En todo caso, deberá cumprirse a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

e) Sinalización dos recursos turísticos.

A sinalización poderá comprender tanto a primeira instalación como a substitución da existente nos camiños e nas estradas das redes locais, provinciais e autonómica, así como nos núcleos urbanos cando esta estea deteriorada ou obsoleta nos seus contidos e/ou imaxe.

Só será subvencionable a sinalización turística, que é a referida exclusivamente aos recursos e servizos turísticos.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes ás inclemencias meteorolóxicas, ao vandalismo e deberán harmonizar coa contorna en que se instalen.

Os materiais e características da sinalización deberán cumprir o disposto no Manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia, Decreto 85/2012, do 16 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), e nos correspondentes manuais de homologación de sendeiros conforme a normativa da Federación Galega de Montañismo.

4. Só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa coa contorna en que estea o recurso. Neste sentido, deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón cando visualmente non se acomoden esteticamente co medio.

Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do día seguinte ao da publicación da Resolución do 15 de febreiro de 2024 no Diario Oficial de Galicia, ata o día 1 de abril de 2024.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 745251): http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-s...

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada e introducindo no buscador o código de procedemento.

c) Os teléfonos 981 54 01 46 e 981 54 02 61.

d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

Descargas: