Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o apoio, a promoción e a difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia. Prazo: 15-04-2024

Data: 

xoves, 14 Marzo, 2024 (Todo o día) a luns, 15 Abril, 2024 (Todo o día)

 

Axencia de Turismo de Galicia 

Resolución do 4 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, a promoción e a difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TU500A).

BDNS (Identif.): 747891.

Obxecto e réxime

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia. Será requisito indispensable que a festa conte coa declaración de interese turístico de Galicia regulada no Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia.

Non serán obxecto de subvención as festas que, ademais da declaración de interese turístico de Galicia, conten coa declaración de festa de interese turístico nacional e/ou internacional, segundo establece a Orde ICT/851/2019, do 25 de xullo, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rigorosa orde de entrada no rexistro.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia en que se celebren durante o ano 2024 festas declaradas de interese turístico de Galicia incluídas no obxecto desta convocatoria.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias destas subvenciones as agrupacións que, non tendo personalidade xurídica, estean integradas por municipios en que se celebren festas declaradas de interese turístico de Galicia que reúnan os requisitos establecidos no parágrafo anterior, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Importe

As subvencións relativas ao apoio, promoción e difusión de festas declaradas de interese turístico de Galicia imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.1, proxecto 2017 00005, cun crédito de 500.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de incoación.

Gastos subvencionables 

Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados no ano 2024.

Unicamente será subvencionable un evento por concello solicitante.

Considéranse gastos subvencionables aqueles relacionados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas, material gravado referido á festa, etc.

No caso de celebración de festas gastronómicas, serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.

En todo caso, a publicidade da festa debe respectar a guía de publicidade non sexista elaborada pola Comisión Asesora de Publicidade non Sexista, órgano dependente do Observatorio Galego de Violencia de Xénero. A citada publicidade non poderá atentar contra a dignidade da persoa ou vulnerar os valores e dereitos recollidos na Constitución, especialmente aqueles a que se refiren os artigos 18 e 20.4.

A utilización de calquera publicidade que non respecte o establecido no parágrafo anterior suporá a perda ao dereito ao cobramento da subvención, e, de ser o caso, o reintegro das contías recibidas, segundo se establece no artigo 21 destas bases.

En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias; os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 747891): http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-su...

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU500A.

c) Os teléfonos 981 54 02 61 e 981 54 63 60 da devandita Axencia.

d) Enderezo electrónico fomento.turismo@xunta.gal

Descargas: