SUBVENCIÓNS A FESTIVAIS DO SECTOR AUDIOVISUAL CELEBRADOS EN GALICIA. PRAZO: 13-02-2023

Data: 

sábado, 14 Xaneiro, 2023 (Todo o día) a luns, 13 Febreiro, 2023 (Todo o día)

 

Axencia Galega das Industrias Culturais 

Resolución do 22 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT215B). BDNS (Identif.): 669409.

Finalidade

Regular as subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), para o apoio á realización de festivais de cinema de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e convocalas para o ano 2023.

Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas legalmente constituídas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas, que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei de subvencións de Galicia.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado, e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Requisitos dos festivais para optaren ás axudas

1. Para optaren a estas axudas, os festivais terán que reunir os seguintes requisitos:

a) Celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023, ambos os días incluídos.

Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro do ano 2023 e que se desenvolva máis do 50 % das actividades dentro deste período.

b) Ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións.

c) Ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores ao ano da convocatoria respectiva.

d) Que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.

e) Que acaden unha puntuación mínima na fase de valoración de 30 puntos, segundo o disposto no artigo 17.2. Serán excluídos de subvención os que no acaden a dita puntuación.

f) As actividades que se desenvolvan obxecto desta subvención non poden estar subcontratadas nin total nin parcialmente, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Importe

Para a concesión destas subvencións destínase un crédito global de 225.000 euros, código de proxecto 2015-00003, repartido nas aplicacións orzamentarias seguintes:

10.A1.432B.460.0: 35.000 euros (entidades locais).

10.A1.432B.470.0: 20.000 euros (empresas).

10.A1.432B.481.0: 170.000 euros (asociacións).

Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto e se realicen dentro do período subvencionable, no período comprendido entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023, e que é o período en que se poden celebrar os festivais.

Poderán ser os seguintes:

1.1. Gastos relativos ás proxeccións presenciais: alugamento de espazos e equipamentos de proxección, son e iluminación, e outros que se poidan detallar e xustificar.

1.2. Gastos relativos á creación, desenvolvemento e xestión de contornas dixitais para a realización de actividades virtuais durante a celebración do evento: contratación de tecnoloxía, servizos de plataformas, aloxamento de espazos e outros que se poidan detallar e xustificar.

1.3. Xestión de películas: dereitos de exhibición, subtitulación estándar e transporte de copias.

1.4. Promoción e difusión: materiais de prensa e publicidade, contratación de espazos publicitarios, publicacións e outros relacionados que se poidan detallar e xustificar.

1.5. Xestión de invitados: loxística de traslados e aloxamentos en medios de transporte colectivo con pasaxes de turista ou equivalente e cun máximo de 130 euros por persoa e día en pernoctacións e manutención.

1.6. Galardóns en cuxa convocatoria e publicidade constará a colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais: fabricación de estatuíñas, galardóns ou similares, e cantidades monetarias cun límite total de 4.000 euros, impostos e retencións fiscais incluídos, que se entreguen como premios do festival.

1.7. Gastos de persoal: serán subvencionables os gastos do persoal que teña subscrito un contrato específico, conforme unha categoría laboral asignada para a realización da actividade subvencionada, sempre que non superen o 40 % do orzamento total do certame. Cando exista unha relación mercantil entre a entidade solicitante e o persoal autónomo, deberá xuntarse o contrato correspondente e a súa factura; se a relación é laboral, deberá achegarse, xunto ao contrato, a nómina correspondente, con expresa indicación do réxime xeral da Seguridade Social. Nesta epígrafe inclúense, entre outras, as tarefas de dirección, programación e organización.

1.8. Gastos de servizos derivados directamente da execución do certame, entre outros os relacionados coa produción, servizo técnico, prensa e comunicación, protocolo e relacións públicas, presentación de contidos e aqueles non especificados que se poidan xustificar.

1.9. Gastos xerais non recollidos entre os gastos anteriores e directamente relacionados coa actividade, co límite máximo do 10 % da suma destes.

Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados no período comprendido no punto 1 deste artigo. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 669409): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais, http://agadic.gal

b) Nos teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

Descargas: